Cantos de balea no Centro Sur

Os obradoiros de danza e percusión Arte en Bruto, que dirixe Marcelo Dobode, comezan a desenvolverse en Campolongo. O mar é o eixe temático deste curso
Marcelo Dobode dirixindo a primeira sesión da escola este ano. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Marcelo Dobode dirixindo a primeira sesión da escola este ano. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

'Un mar de músicas' é o lema baixo o que se celebra este ano o curso da escola de expresión musical, danza e percusión 'Arte en Bruto', que coordina Marcedo Dobode para o Concello de Pontevedra. Entre outras cousas, os cativos que se matriculen nestes obradoiros (de carácter gratuíto) coñecerán "as lendas dos cantos de baleas e de sereas".

A gran novidade da escola este ano é o seu traslado ao Centro Sur (Campolongo). Os últimos cursos viñéranse desenvolvendo no Centro Leste. "A posibilidade de realizar Arte en Bruto no Centro Sur permitiranos facer interpretacións e intervencións ao aire libre", indican os seus responsables.

Onte deron comezo o obradoiros desta proposta, que se prolongará ata o mes de xuño. As actividades están dirixidas á cativada de entre 3 e 16 anos, distribuída en diferentes grupos e horarios. Ademais de Dobode, traballa neste proxecto Beatriz Martínez, que tamén acompaña ao músico no proxecto Percubebés.

OUTROS OBRADOIROS

Arte en Bruto forma parte da oferta de obradoiros municipais para nenas e nenos do Concello de Pontevedra. Así, no Pazo da Cultura, desenvólvense o taller de animación á lectura 'A hora do conto', que coordina o grupo de contacontos Pavís Pavós; o de expresión dramática 'Á procura do tesouro', do grupo de teatro Migallas, e o de música rock 'Rocklab', que coordinan músicos de distintos grupos da escena local.

Neste caso, son obradoiros que teñen un prezo de matrícula. Segundo informa o Pazo da Cultura, para os dous primeiros as prazas están cubertas, pero para algún dos grupos do Rocklab aínda hai posibilidades de inscrición. Pódese solicitar máis información no seguinte correo electrónico: [email protected].

"Non hai ningunha escola relacionada coa música tradicional que faga o que facemos nós", ten explicado Marcelo Dobode sobre o traballo que se realiza en Arte en Bruto. "Normalmente o que se fai nelas é ensinarlle aos cativos a tocar algún instrumento. Pero nós o que lle ensinamos é a ser felices", indicou.

Comentarios