A captación de fondos para investigar na UVigo medra sete millóns nun lustro

En 2017 financiáronse 112 proxectos, dos cales a maioría pertencían ao ámbito cienfífico e tecnolóxico ▶O Campus de Pontevedra é o único que non conta cun técnico de apoio á I+D

Obradoiro de tecidos na facultade de Belas Artes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Obradoiro de tecidos na facultade de Belas Artes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Case 18 millóns de euros captou a Universidade de Vigo para proxectos de investigación ao longo de 2017. Malia que a cantidade adicada a este fin aumentou máis de sete millóns no último lustro, a realidade é que o Campus de Pontevedra non conta con persoal técnico de apoio á investigación, un reto que se puxo por diante o novo equipo de Goberno da Universidade, que na Boa Vila lidera o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto.

Neste sentido, Soto declaraba nunha entrevista a Diario de Pontevedra realizada a principios de curso que "Pontevedra necesita con urxencia un técnico en I+D". Neste sentido, o responsable de Innovación do Campus de Pontevedra, Carlos Souto, explicou o martes que este é o único campus que non conta con persoal de apoio á investigación. "O financiamento dos proxectos de investigación depende de axudas estatais, da Xunta ou da Unión Europea. Neste sentido, existe a figura técnica dunha persoa que se encarga de estar pendente das convocatorias de subvencións para avisar aos grupos de investigación das bolsas ás que poden optar. Ademais, axudan na redacción das solicitudes, xa que se trata de instancias moi farragosas e difíciles de xestionar", conta.

Tanto o Campus de Vigo como o de Ourense contan con persoal que realiza estas funcións. Deste xeito, a Universidade acadou máis de tres millóns de euros de fondos europeos para a investigación o ano pasado, arredor de catro millóns do Estado e seis da Xunta de Galicia. Os cartos que recibiu a Universidade de Vigo ao longo dos anos foron variando. Deste modo, aínda que con respecto a 2012 os fondos recibidos medraron sete millóns de euros, durante eses cinco anos houbo altos e baixos. O ano no que menos fondos se recadaron foi en 2013, con preto de oito millóns de euros destinados a investigación. A cantidade de fondos repercute directamente no número de proxectos. Así, se en 2012 había en marcha 99 iniciativas, en 2017 houbo 112. O peor ano a este respecto foi 2013, con só 40 proxectos, seguido de 2016, con 65.

A maior parte dos proxectos de investigación subvencionados pertencen ao ámbito das ciencias, que representan un 43%, seguidos dos de perfil tecnolóxico (34%), os humanísticos (13%) e, por último, os xurídicos e sociais, que representan un 11%. En canto ás axudas concedidas pola propia Universidade, en 2017 representaron 1,4 millóns de euros, que foron destinados, na súa maior parte, a axudas predoutorais, contratos con grupos de investigación consolidados e estadías en centros de investigación. Unha das áreas nas que hai equipos de investigación máis punteiros en Pontevedra é na de Belas Artes, aínda que todas as facultades do campus contan con grupos de investigación.

Outro dos baremos que mide o traballo de investigación nunha Universidade é a cantidade de teses que se len. Deste xeito, na UVigo presentáronse 171 teses en 2017 e publicáronse 1.090 artigos en revistas científicas.

175 grupos de investigación
A Universidade de Vigo contou con 175 grupos de investigación activos ao longo de 2017.

Tecnolóxico. É o ámbito que conta con máis grupos de investigación, con 58, que representan o 33% do total.

Xurídico social. O 27% dos equipos de investigación da UVigo pertencen á rama xurídico social. En total son 47.

Científico. No ámbito científico hai 40 grupos, que representan o 23%. Humanístico Hai 30 grupos que investigan na área das humanidades e representan o 17% do total.

Comentarios