Carlos Blanco e David Amor participan este xoves no ciclo En3vistas

"Moito do humor que eu fago non ten sentido noutro idioma". Porque a lingua é clave nas propostas de Carlos Blanco. O arousán xúntase este xoves, no ciclo En3vistas do Concello de Pontevedra, con outro referente do humor galego: o pontevedrés David Amor. A cita é ás 20.00 horas no Parque Gafos. Se chove, no Teatro Principal
Carlos Blanco e David Amor. LORENA CASTRO/CEDIDA
photo_camera Carlos Blanco e David Amor. LORENA CASTRO/CEDIDA

Carlos Blanco

"Construín o meu repertorio cos vimbios da lingua"

Referente indiscutible do humor galego, actor de recoñecida traxectoria tanto en Galicia como en España, Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1953) está a preparar agora mesmo a súa volta aos escenarios. "A ver se nos deixan". Entre outras cousas traballa na montaxe do que será o debut de Domingo Villar como autor de teatro e na segunda parte de Somos criminais, con Touriñán.

Blanco é este xoves un dos protagonistas da En3vista en Pontevedra. "A min este tema do idioma preocúpame, si, que queres que che diga. Así que é moi de agradecer que o poidamos falar del", di. "Eu vivo na Illa de Arousa, un lugar onde era raro escoitarlle a unha meniña outra cousa que non fora o galego, e xa non o é. Vexo a avós desesperados porque a neta no les quiere hablar gallego e os pobres vellos preguntándose que pasa coa criatura. Mesmo houbo algunha petición de socorro por parte das mestras do instituto. Pero como loitamos contra todo isto, contra os youtubers e todas esas cousas? É moi complicado enganchar á rapazada".

"Na illa era raro escoitar a unha nena outra cousa que non fora galego. Xa non o é"

Cunha traxectoria de máis de 30 anos no mundo da interpretación, ao arousán cústalle ser contundente á hora de explicar como é o uso da lingua no ámbito do audiovisual. Irregular, segundo explica. "Por iso aquí teño que ser forzosamente do país e contestarche cun depende", bromea. "Porque é moi difícil contestar a algo tan xenérico. Eu fixen Dhogs en galego e triunfou en non sei cantos festivais do mundo sen ningún problema. O éxito de O sabor das margaridas corrobora isto que che digo. Ródase no idioma que sexa e despois dóbrase ou subtitúlase en calquera parte do mundo a calquera outro. Para min ten que ver máis cunha cuestión económica, coma sempre". O que si ten claro o actor é que a potencia da industria audiovisual galega é indiscutible. "É potente e é competitiva. Xa lle gustaría ter algo así a moitas culturas. Os asturianos chorarían de alegría por algo así. Debemos estar moi orgullosos do que se fai porque penso que é ben difícil facer máis con menos pero, ao final, somos unha cultura minorizada. E despois habería moito que falar, por exemplo, do papel que xoga a Televisión de Galicia".

Unha cousa na que Blanco non ten dúbidas é na relación directa que ten o éxito dos seus espectáculos co emprego do idioma. "Paréceme imposible separar unha cousa da outra. Moitísimas partes do meu repertorio non teñen sentido en castelán e cando vou fóra xa non as toco porque sei que non se entenden. A ver, ese monólogo no que digo teño un amor en Rianxo e outro en Vilagarcía... pois cala a boca: iso é bigamia, mona! é imposible facelo fóra. Porque non se entende que significan esas cancións para nós, esas letras que son parte do que somos. Iso mámase e non se pode exportar. En todo caso, o meu humor e a miña lingua son completamente inseparables. Eses xogos de palabras como chove a chuzos no recheo... iso é intraducible. Eu construín o meu repertorio con estes vimbios".

Actor de teatro, cine e televisión, ademais de monologuista, a carreira de Carlos Blanco construíuse a partir de programas como Sitio distinto ou series como Mareas vivas e Fariña, e inclúe colaboracións con directores do nivel de Gerardo Herrero ou Pedro Almodóvar.

David Amor

"De cara ao futuro, son un pesimista optimista"

David Amor (Picoña, Salceda de Caselas 1980) estudaba a licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte en Pontevedra e xogaba ao balonmán cando se presentou ao concurso da Televisión de Galicia O Rei da Comedia e a súa vida cambiou para sempre. Diso hai 20 anos. Actor e monologuista, hoxe é un dos comediantes galegos cunha maior proxección no ámbito estatal. Un dos seus referentes é precisamente Carlos Blanco, o home co que este xoves compartirá conversa en Pontevedra. "Estou moi ilusionado por coincidir con el porque Carlos é un referente tanto no meu traballo como como a título persoal. Todo o tempo que poida compartir con Carlos Blanco é xenial".

Os dous falarán da súa experiencia como galegofalantes e do futuro do idioma. "Eu nisto son dos pesimistas optimistas", recoñece o actor, que considera fundamental que se siga facendo fincapé na normalización lingüística con actividades como a que o trae a Pontevedra. "Haberá que seguir falando sobre todo isto ata que a xente vexa que é importante", di.

Embarcado actualmente na xira do seu monólogo Love está no aire (o día 11 de agosto está con el en Baiona), a Pontevedra virá o día 21, de novo con Carlos Blanco, para participar no ciclo Comicamente, que promove a Xunta de Galicia e no que tamén estará Xosé Antonio Touriñán (Recinto Feiral).

"Haberá que seguir falando disto ata que a xente vexa que é importante"

"Nos meus comezos falei moito de política nos meus espectáculos, pero logo deixei de pasalo ben e paseime a un humor máis branco, máis comercial que dirán algúns. Ademais, a verdade é que ese tipo de bromas só traían problemas. A min chegaron a despedirme por morder a man que me daba de comer e eu non son ningún valente", explicou o humorista na charla que mantivo con Ramón Rozas, o pasado mes de febreiro, dentro do ciclo Conversas na UVigo, de Diario de Pontevedra e da Universidade de Vigo. Amor recoñeceu nela que, actualmente, prefire ser prudente e que borra unha boa cantidade de chíos á semana antes de publicalos nas redes sociais polos problemas que lle poidan traer. "É triste non poder falar, eu penso que se debería poder falar de todo".

Para o humorista, hoxe existe unha polarización en calquera cuestión que se toque, que obriga a velo todo en branco e negro ignorando calquera gama de grises. "Podes crer que Pablo Hasel non deba estar en prisión sen por iso defender a queima de colectores e, se defendes á Policía, non tes por que defender as cargas. Ten que haber espazo para a crítica, non se pode simplificar tanto", lamenta.

David Amor (David López no seu DNI) comezou a traballar en Madrid en 2010 e xa non deixou de compatibilizar a súa presenza en Galicia e na capital de España. Ten traballado en programas como Supermartes (TVG), El club del chiste (Antena 3), El club de la comedia (La Sexta), así como nas series Gym Tony (Cuatro), Pequeñas coincidencias (Amazon Prime Video) e, de xeito destacado, na coproducción entre a TVG e a RTP portuguesa, Vidago Palace, que o ano pasado emitiu a plataforma HBO. Tamén conduciu o seu propio late night na TVG, Con Amor e compañía e protagonizou no teatro a comedia Amigos ata a morte, de Javier Veiga.

Comentarios