Carlos Fernández: "Pontevedra terá un protagonismo especial no programa Milenio"

Ovnis, encontros co máis aló, exorcismos, ouijas, lendas de Fisterra ou San Andrés de Teixido, os pastequeiros de tomeza... O misterio e os fenómenos insólitos protagonizan o novo espazo da televisión de Galicia. Un dos seus responsables está moi ligado á cidade do Lérez
Fernández nunha gravación en Portalén, un espazo mítico situado no monte do Seixo, en Cercedo-Cotobade. CEDIDA
photo_camera Fernández nunha gravación en Portalén, un espazo mítico situado no monte do Seixo, en Cercedo-Cotobade. CEDIDA

HAI QUEN o define como "escritor y divulgador del misterio" e o certo é que o xornalista Carlos Fernández leva case tres décadas investigando sobre fenómenos insólitos. Colaborador durante vinte anos no mítico programa Milenio, da Radio Galega, agora deu o salto á pequena pantalla cun espazo homónimo no que exerce de coguionista xunto a Miguel Pedrero. Está dirixido por Jorge Linares e producido por Volcán Producciones. Este martes pola noite (23.30 horas) emítese a segunda entrega na TVG.

No Milenio televisivo encárgase da documentación, os contidos, o guión... e sae en pantalla.

Miguel Pedrero e eu somos o fío condutor do programa, que ten un formato tipo documental, de reportaxe longa. Tamén somos os da idea e os contidos.

Na primeira entrega emitíronse dúas reportaxes sobre experiencias próximas á morte e sobre ovnis. Cales serán os temas do programa desta noite?

A Santa Compaña e os santuarios onde ía a xente a sacar o demo do corpo. Cada programa ten dúas reportaxes duns vinte e pico minutos. No da Santa Compaña quixemos darlle un enfoque totalmente diferente. Sempre se trata como un mito, como unha historia que contan os avós na lareira, e nós quixemos ir buscar a fonte. Non só o que cren a xente e os expertos, senón que buscamos persoas que tiveron un encontro co que podería ser a Santa Compaña.

Emitiremos unha reportaxe dos pastequeiros, os antigos curandeiros de Tomeza e Bértola

Cantas entregas de Milenio están previstas? Que outros temas abordarán no programa?

En principio hai 13 programas, é dicir, 26 reportaxes. Nas vindeiras semanas emitirase unha sobre os pastequeiros, uns bruxos curandeiros que había en Bértola (Vilaboa) e Tomeza, na contorna de Pontevedra. Reconstruímos a súa historia e coñecemos algunha cousa que aínda saben facer algunhas personas nestas parroquias. Hai varias reportaxes sobre o tema dos ovnis, desde varias perspectivas; casos concretos relacionados con medios de contacto co alén, coa ouija, por exemplo... Aquí temos un caso concreto de Pontevedra, unha persoa morta identificada cunha sesión de ouija. Tamén hai un caso de ovnis que vai chamar moito a atención. É dun ovni que motivou un expediente militar, que mostramos en pantalla. Nel localizamos as testemuñas. O ovni tería caído ao mar e uns mariñeiros de Burela rescataron o aparello, que levaron á base militar da Graña. Falamos con testemuñas que viron ese obxecto... Tamén hai un amplo abano de cousas. Temas tradicionais,como o Santo Andrés de Teixido, ou Fisterra. Contaremos cousas estrañas que pasaron alí e outras interpretacións daquelo que era a fin do mundo antigo. Asuntos relacionados coa vida e a morte, ovnis e tamén outros enigmas e lugares emblemáticos de Galicia en canto ás crenzas. Non esqueceremos fenómenos estraños que lle acontecen a algunha xente, como as teleportacións.

Teleportacións?

É un fenómeno que se dá cando unha persoa vai andando ou nun coche e case instantaneamente aparece noutro lugar. Cada unha das reportaxes ten testemuñas, pero tamén opinións de expertos. E algo moi importante é que non saímos de Galicia. Todos os testemuños e opinións son de xente galega ou que vive aquí. Quixemos facer un programa no que os galegos se sintan identificados. Todos os contidos teñen relación con Galicia, a diferenza doutros programas en cadeas nacionais ou que mesmo se fixeron hai anos na TVG. Costou moito traballo, pero quixemos facer un programa só relacionado en Galicia.

Todas as tertemuñas e expertos son de aquí. Costou traballo, pero queriamos que os galegos se sentiran identificados

Íalle preguntar sobre a conexión en Pontevedra. Falou dos pastequeiros, da experiencia da ouija...

Esta ten moita relación con Pontevedra, por certo.

No programa desta noite aparece como invitado o antropólogo Rafael Quintía e no anterior interviu Javier Akerman, moi coñecido tamén na cidade.

Si, e sairán pontevedreses coñecidos dando os seus testemuños. Na reportaxe dos pastequeiros sae un veciño do Marco, unha muller de Tomeza... Pontevedra terá un protagonismo especial.

Como conseguen os testemuños? É doado que a xente acceda a saír na televisión falando destes asuntos tan particulares?

É moi difícil. Unha cousa é que che conten algo en confianza, sobre todo temas relacionados coa vida despois da morte, a Santa Compaña, os aparecidos, o contacto co alén... Na intimidade si, pero que o conten diante das cámaras é máis complicado. Ás veces hai unha confianza de anos. Tanto Miguel coma min levamos case 30 anos percorrendo as aldeas, falando coa xente e moitos coñécennos e saben que imos tratar estes temas sen burlas, con todo o respecto que merecen.

E como saben cando os testemuños son reais e cando non? Hai que intenta 'coar' historias que non son verídicas ou isto non pasa?

Sempre pasa, porque son temas un pouco particulares e nunca podes sabelo ao cen por cen, pero obviamente tes que ver que hai persoas que esaxeran. Ás veces é difícil averigualo, pero hai que estar atento aos detalles. Cando o relato coincide con outros dáche un punto de confianza para dar por bo un testemuño. E tamén a actitude á hora de contalo. Temos ido a visitar á mesma testemuña ducias de veces e contábanos a mesma historia do mesmo xeito. As primeiras veces non quería. Co tempo desenvolves esa capacidade de saber cando che din a verdade e cando non.

No primeiro programa dicían que "en Galicia a liña que separa o noso mundo do máis aló é máis fina que noutros lugares". A que se debe este feito?

En Galicia hai unha forma particular de entender o que é a vida e a morte. Por unha banda, porque por aquí pasaron moitos pobos e moitas culturas. Xa no mundo antigo existían peregrinacións como o Camiño de Santiago, que a partir da Idade Media trouxo moitas culturas que foron conformando e adaptándose para crear unha forma diferente de entender a morte. Por outra parte, moitas desas antigas crenzas estaban relacionadas co máis aló. Galicia era a fin do mundo e máis aló do mar estaban as illas onde vivían os mortos. Aínda hai que fala de que están esperando os barqueiros para levar a súa alma máis aló. Pervive esa crenza popular. Hai moitísimas tradicións relacionadas como o mito de San Amaro, as viaxes ao Alén... Por iso se formou unha cultura propia ao longo dos séculos.

Comentarios