Carlos Moreno, asesor da alcaldesa de París, será un dos profesores da Facultade Ágora

Impartirá a súa máster class no seminario A cidade dos 15 minutos no territorio disperso para analizar como aplicar a súa filosofía á provincia
Videoconferencia con Carlos moreno. DP
photo_camera Videoconferencia con Carlos moreno. DP

O urbanista, asesor da alcaldesa de París Anne Hidalgo e teórico da Cidade dos 15 minutos, Carlos Moreno, será un dos profesores/relatores da Facultade Ágora, a iniciativa posta en marcha pola Deputación para formar a representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia sobre como tratar o espazo público para recuperalo para as persoas.

Moreno participará no segundo seminario, titulado A cidade dos 15 minutos no territorio disperso, no que se pretende facer unha reflexión e análise sobre a filosofía deste urbanista e como se pode adaptar nun territorio disperso como é o da provincia de Pontevedra. Abordaranse tamén asuntos como a proximidade, a densidade ou a diversidade de usos e das fórmulas que poida ofrecer a planificación ou a lexislación para favorecer o aumento das densidades e lograr conter a dispersión.

Segundo subliñou o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, que a Facultade Ágora conte con relatores de gran nivel como Moreno confirma que "é unha das iniciativas dentro do ámbito da formación sobre o espazo público máis ambiciosas e diferentes a nivel internacional".

O nacionalista insistiu en que a Facultade ten un carácter multidisciplinar que pretende achegarse a unha visión do espazo público dende diferentes perspectivas, temáticas e visións "que fan que esa formación sexa sumamente enriquecedora".

En total haberá máis de 40 profesionais do urbanismo, a enxeñería, a xeografía e outras moitas especialidades que avalan o programa pedagóxico, coordinado polo enxeñeiro Fernando Nebot e realizado co apoio técnico da Rede de Cidades que Camiñan, cuxa directora técnica, a arquitecta Ana Montalbán, encárgase dos aspectos organizativos.

Nos vindeiros días o Goberno da Deputación pontevedresa confirmará outros participantes nesta iniciativa, mais algúns dos nomes xa coñecidos para o plantel docente son Zaida Muxi, Francesco Tonucci, María Ángeles Durán, José Fariña, Rubén Lois, Izaskun Chinchilla, José María Ezquiaga, Marta Román, Salvador Rueda e Alfonso Sanz.

Comentarios