Carlos Núñez ofrecerá o concerto central do Culturgal

Da convocatoria para os espectáculos realizada pola feira saíron escollidas tamén propostas de Inversa Teatro, Oviravai e Xoán Curiel

Carlos Nunez
photo_camera O gaiteiro Carlos Núñez nunha imaxe promocional. DP

O gaiteiro Carlos Núñez ofrecerá o concerto central da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, que se celebrará en Pontevedra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro. Segundo informou a organización do evento, a actuación estrela da feira terá lugar o 1 de decembro no Pazo da Cultura. "Pontevedra queda así incluída na xira de Nadal de Carlos Núñez cunha proposta na que o artista traballa para pechar o ano ao arredor do patrimonio e rodeado de novos músicos". A empresa promotora é Keltia Produccións. 

A presenza de Carlos Núñez no Culturgal sae da convocatoria que a feira abriu para escoller os seus espectáculos especiais. Ademais do concerto de Núñez, deste concurso saíu a selección de Inversa Teatro coa obra Sofía e as postsocráticas para o venres 30 de novembro e dous espectáculos de carácter familiar, do de Oviravai e o de Xoán Curiel, para o domingo 2 de decembro. "Unha ducia de propostas foron presentadas a esta convocatoria de espectáculos especiais", conta o Culturgal.

Se o concerto do gaiteiro estará marcado polas últimas investigacións que levou a cabo sobre a relación entre a música medieval e a música tradicional, a obra de Inversa Teatro é "un proxecto de creación escénica de corte contemporáneo que, xunto co emprego de técnoloxía avanzada mesturada con monicreques a escala real, examina a violencia machista a partires de conceptos e ideas da filosofía grega clásica".

Finalmente, da programación da feira formarán parte Oviravai e Xoán Curiel, dúas propostas que mesturan creación e música, dirixidas ao público infantil, presentadas pola editorial Galaxia. 

"Entre os criterios que se valoraron para a selección estaban que se tratase de proxectos a estrear, a calidade artística, a viabilidade técnica e que se adecuasen aos valores da feira", indicou o Culturgal.

Nas vindeiras semanas está previsto que se faga pública a información sobre a venda das entradas.