O Carlos Oroza lidera a puntuación dos 44 CIFP españois incluidos na rede de excelencia estatal

"Estamos moi felices, pero tamén supón unha responsabilidade moi grande" ► Recibirá 750.000 euros para un proxecto a tres anos
Manuel Hermo durante a súa intervención no certame de sumilleres celebrado no Oroza o curso pasado. RAFA FARIÑA
photo_camera Manuel Hermo durante a súa intervención no certame de sumilleres celebrado no Oroza o curso pasado. RAFA FARIÑA

O CIFP Carlos Oroza, coa maior puntuación de toda España, rozando a perfección, converteuse nun dos tres centros integrados de FP galegos elixidos polo Ministerio de Educación para seren integrados na nova Red Estatal de Excelencia de Formación Profesional. Os outros dous son o CIFP As Mercedes (Lugo) e o CIFP Ánxel Casal (A Coruña).

O Oroza recibirá 750.000 euros para un proxecto que desenvolverá durante os vindeiros tres anos dentro da rama de hostalería, nunha alianza cos CIFP San Cristóbal (Canarias), Hurtado de Mendoza (Granada) e Camino de Santiago (La Rioja), aos que lles corresponderá un millón de euros para cada un.

O proxecto presentado polo instituto pontevedrés, propón impulsar a formación do sector da hostalería centrándose na tecnoloxía, dixitalización e transición ecolóxica. A intención é levar a cabo proxectos de alimentación saudable integrando o tecnolóxico e dixital para dar resposta a novos perfís profesionais e propiciar innovadores modelos de negocio dentro do ámbito do emprendemento na hostalería.

Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza, explica que se trata dunha convocatoria do Ministerio ás comunidades, que debían propor tres centros para seren incluídos nesta rede de excelencia a nivel estatal cun máximo de 50 centros. Finalmente, son 44.

O obxectivo, apuntou, é "que sirvamos de impulsores de toda a innovación e transferencia de coñecemento para a sociedade e para as empresas". La Xunta propuso estos tres centros de 14 sectores. O Oroza foi nominado no de hostelería, As Mercedes ( 795.000 euros) no de aeronáutica e Ánxel Casal-Monte Alto (850.000) no sanitario.

O tempo para presentar a memoria xustificativa foi escaso, de aí a "sorpresa" cando souberon que as tres candidaturas galegas non só foran admitidas dentro da rede, senón que "foron as que obtiveron a maior puntuación de todo o Estado". De feito, "o Oroza foi o que maior puntuación logrou de todos: de 180 puntos acadamos 179,75", destaca Hermo.

"Estamos moi orgullosos, moi felices e satisfeitos, pero isto agora supón unha responsabilidade moi grande para desenvolver todos os plans". Entre eles figuran organizar tres actuacións de acollida para os outros tres centros do sector de hostelería. "Temos que formar unha alianza e entre os catro desenvolver os plans que temos cada un de nós" no proxecto.

En todo caso, admite o director do Oroza, este centro xa leva tempo desenvolvendo actividades deste tipo. "Traballamos habitualmente con centros non só de Galicia, senón de todo o Estado, de Francia e Portugal". Unha das cuestións que máis puntuación lles deu foi "o que eles lle chaman a relación co ecosistema local e territorial", isto é, "esta metodoloxía nosa de traballar para a cidadanía con todas as actividades que facemos co Concello, coa Deputación e con empresas, as participacións en feiras, o traballo coa Consellería... foi un dos puntos máis fortes da nosa candidatura".

Os tres piares baséanse na innovación da metodoloxía, "de como nós facemos a nosa docencia", incorporar tecnoloxía tanto ás aulas como os talleres de cociña e servizos, e a transición ecolóxica, isto é, "reforzar o traballo no noso proxecto de economía circular", en alusión ao traballo feito co apoio do Plan Revitaliza, á horta escolar ou á aposta polos proveedores. Poderán solicitar unha ampliación de ata un millón máis.

Ampliación

Dáse a circunstancia de que o desenvolvemento deste plan de excelencia coincidirá coa ampliación do instituto. "Vai ser todo á vez, así que teremos dous importantes fitos".

A previsión coa que traballa a Consellería, apunta Hermo, é que estas obras empecen o vindeiro mes de xaneiro. "Estase coa tramitación do expediente e esperando pola licencia do Concello, que é o último trámite que nos queda para facer a ampliación".

Os traballos afectarán á actividade lectiva. "Temos que sectorizar o centro, cambiar a entrada e a saída... Imos procurar que teña o menor impacto posible, pero vai afectar ao día a día".

Visita da xefa de cociña de Mulleres Creando (Bolivia)
O centro recibe hoxe a visita da cociñeira boliviana Emiliana Quispe, xefa de cociña do restaurante de Mujeres Creando (mujerescreando.org), un dos movementos máis relevantes en América Latina tanto polo seu traballo directo con mulleres vítimas de diversas violencias (sexual, económica, laboral…) como pola sua acción política e social neste eido.

Quispe foi a primeira muller graduada como chef pola escola hoteleira de La Paz. Tamén é locutora de radio, onde presenta o programa Cocinera que da sabor a la vida en Radio Deseo. Responderá ás inquedanzas do alumnado con respecto á súa cociña, pero tamén sobre o seu activismo feminista.

Comentarios