Carlos Taboada debuta como autor en solitario con 'A biblioteca de Pedrarcana'

O escritor e ilustrador presenta a súa obra, que foi finalista do Premio Merlín, o 27 de abril no Espazo Lector Nobel de Pontevedra

Carlos Taboada. D.FREIRE
photo_camera O escritor e ilustrador pontevedrés Carlos Taboada. DAVID FREIRE

A biblioteca de Pedrarcana é o primeiro título de literatura infantil que o autor pontevedrés Carlos Taboada publica en solitario. A obra, que se presenta o 27 de abril no Espazo Lector Nobel (19.00 horas, entrada libre) vén de ser publicada por Xerais. Taboada encárgase neste título, que foi finalista do Premio Merlín, tanto do texto como das ilustracións. 


O pontevedrés, que fundou en 2008, con Enrique Mauricio, o colectivo de actividades Polo Correo do Vento, debutou como ilustrador cunha colección de contos asinados xunto ao seu compañeiro. Dende entón veñen traballando xuntos en distintos proxectos de animación á lectura e de publicacións para cativos. 

Taboada é membro de Polo Correo do Vento e responsable, xunto con Joanna Lorenzo, do selo Lela Edicións

En 2016, con Joanna Lorenzo, creou o seu propio selo, Lela Edicións, a través do que publica, entre outras cousas, os traballos de Polo Correo do Vento. Con esta editorial lanzou, por exemplo, a colección ‘Mulleres galegas’, que reúne unha serie de biografías de mulleres destacadas en distintos ámbitos para o público infantil. Publicou, entre outras, as de Ángeles Alvariño, Maruja Mallo e María Victoria Moreno. 


A biblioteca de Pedrarcana conta a historia de Alexandra, que chega a Pedrarcana de Leria, "unha cidade na que case nunca pasa nada interesante: a xente non le, non fala, non soña, non xoga, non protesta...", para cambialo todo. Isto coincide co momento no que Mauricio, o mestre, fala na clase da historia do pirata da cidade. Así que Artai e as súas irmás, Xela e Sabela, saen á procura do tesouro.