Carlos Valle: "A análise da arte rupestre está nos fundamentos deste Museo"

O Sexto Edificio acolle ata o venres o VIII Encontro de Conservación e Restauración de Pontevedra

Carmen Lorenzo, Eva Vilaverde e Carlos Valle, na inauguración das xornadas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carmen Lorenzo, Eva Vilaverde e Carlos Valle, na inauguración das xornadas. GONZALO GARCÍA

Especialistas do Museo e do Centro de Investigación de Altamira, das universidades de Alcalá, Isabel I e de Barcelona, así como da Unidade de Xestións de Riscos e Emerxencias en Patrimonio Cultural de Castela e León, participan dende este mércores e ata o venres no VIII Encontro de Conservación e Restauración de Pontevedra. A arte rupestre é o tema ao que este ano se adican as xornadas, organizadas polo Museo e pola Escola Superior de Restauración de Bens Culturais de Galicia.

"Este ciclo é unha homenaxe aos principios fundacionais da casa que nos acolle, a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra", explicou o director do Museo, Carlos Valle, que inaugurou o evento xunto á directora da Escola de Restauración, Carmen Lorenzo, e á deputada Eva Vilaverde. "A análise da arte rupestre é indisociable dos fundamentos deste Museo".

Valle, que indicou que máis de 150 persoas estaban inscritas neste encontro, lembrou que a actividade nacera de xeito fortuito hai oito anos ao confirmar que non existía ningunha proposta semellante "neste cuadrante peninsular, incluído Portugal, e que aquí contabamos cunha escola tan importante como a de Restauración".

Eva Vilaverde apuntou que "era unha obriga case moral colaborar con este tipo de propostas, en concreto nesta centrada na arte rupestre, de cara a garantir a súa conservación".

Rodrigo de Balbín e Primitiva Bueno, da Universidade de Alcalá, foron os encargados de inaugurar o encontro, cunha conferencia titulada Arte rupestre ibérica.

Reaparición tras o anuncio da xubilación
A inauguración das xornadas no Sexto Edificio supuxo a reaparición de Carlos Valle no Museo de Pontevedra, tras terse feito público a semana pasada que se xubilaría o 25 de novembro. O director, que non fixo ningunha referencia á súa próxima saída da institución durante o acto, estivo á fronte deste organismo durante 32 anos.

Discípulo e sucesor de Xosé Filgueira Valverde, Valle cumpre 65 anos este mes e, segundo a Deputación, a política institucional pasa por non conceder ningunha prórroga entre o persoal que acada a idade do retiro. A mesma Deputación Provincial, organismo do que depende o Museo de Pontevedra, estuda nestes momentos a fórmula que lle permitirá substituír ao director.