Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Carlos Valle: "A persoa máis significada para dar nome ao Sexto Edificio é Filgueira Valverde

Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra. RAFA FARIÑA.
Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra. RAFA FARIÑA.

Á fronte do Museo de Pontevedra dende hai 32 anos, Carlos Valle xa conta no seu haber coa Medalla de Galicia e o Premio Cidade de Pontevedra na categoría de Cultura. O vindeiro xoves, 7 de xuño (20.00 horas, auditorio Afundación), recibirá o Premio Pontevedrés de Honra 2017, que entrega Diario de Pontevedra.

Sendo un neno e da man de Xose Filgueira Valverde, Carlos Valle (Pontevedra,1953) entrou no Museo. Primeiro como alumno, logo como bolseiro e, máis tarde, foi secretario e director adxunto. Dende decembro de 1986 dirixe un dos museos máis importantes da Península Ibérica. Neste tempo, a institución ampliou os seus espazos expositivos coa inauguración de novos edificios e acadou recoñecementos como a Medalla de Ouro de Galicia, a Medalla de Oro de Bellas Artes, o Premio Otero Pedrayo e o Premio da Cultura Galega de 2016. A título persoal, Carlos Valle é doutor en Historia de Arte pola Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario, académico de Belas Artes, membro, entre outros,  do padroado do Museo do Pobo Galego e do Centro Galego de Arte Contemporánea e autor de máis de 250 publicacións. 
 

Recibe este premio na súa cidade, despois de ter recollido outros recoñecementos importantes.
Cando a un lle dan un premio ao que non se presenta —porque se te presentas falo coa esperanza de gañalo- sempre é unha grata sorpresa. Ademais é o Diario de Pontevedra quen o entrega, un periódico moi importante nesta cidade.
 

Falar de Carlos Valle é falar do Museo de Pontevedra.
O Museo é practicamente a miña vida, porque eu relacioneime con esta institución dende moi novo. Pertenzo a unha xeración na que Don Xosé Filgueira Valverde era á vez director do instituto e do Museo e iso posibilitaba que moitos alumnos do centro fosen colaboradores do Museo. Hai moitas persoas que desde que se creou esta figura pasaron por aquí. Uns con máis estancia e outros con menos. No meu caso, a miña vinculación comezou nos anos 60. Logo marchei a Santiago a estudar, fixen a tese de doutoramento e, ao rematala, aínda que eu tiña outras previsións para a miña vida profesional, apareceu a posibilidade de vir. Foi no ano 1980 e xa pasaron 38 anos.
 

Como cambiou a institución nese tempo?
Moito e espero que para ben. Cambiou desde diferentes puntos de vista. Dende a perspectiva física este é un dos grandes museos da Península Ibérica. Falamos de seis edificios pero algún deles é enorme, como o Sexto Edificio, que non ten nome e chamámolo así para distinguilo do Fernández López. No momento da construción do Sexto era o ‘novo edificio’. Un día quedei de atoparme coas novas autoridades no «novo edificio» e uns presentámonos no actual Sexto e outros no Fernández López, que era o que por aquel entón chamabamos novo. Para evitar confusións, desde aquela, decidín chamarlle Sexto Edificio. Agora esa denominación está moi asentada, aínda que supoño que pronto terá un nome como os demais. 
 

E ademais xa se barallan varios: Filgueira Valverde, Castelao, Manuel Moldes... Vostede ten preferencia por algún?
Si, pero non o vou dicir. 
 

Filgueira Valverde foi o seu mestre, quizais sexa el. 
Foi mestre meu e de moitas outras persoas. Pero ademais, foi unha figura clave durante moitos anos na vida deste Museo. Esta mesma semana presentamos na Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, o epistolario entre Filgueira Valverde e Sánchez Cantón onde se ve todo o proceso de nacemento e desenvolvemento do Museo desde o ano 1926, que é o ano da carta máis antiga que se cruzan. Aí pode verse o xermolo dun ente de referencia no seu ámbito en toda a Península Ibérica. Son moitos os nomes que se barallan, eu teño a miña clara preferencia e non é difícil saber cal é. 
 

Refírese a Filgueira Valverde pero non quere dicilo claramente.
Si. Desde un punto de vista histórico, el foi secretario do padroado inicial do Museo de Pontevedra e durante o resto da súa vida, ata o ano 1986, cando pasa a ser director emérito, son moitos anos de servizo ao Museo.
 

Quizais Castelao non prestou ese servizo porque tivo que exiliarse. 
Son parámetros distintos. Castelao é moi importante no proceso fundacional do Museo. El ten outra dimensión, que afecta a Galicia como colectividade, como país. No Museo implícase sobre todo na súa creación, logo céntrase máis na súa vida política e non está tan presente no día a día da entidade. Porén, no ano 36, cando xa non está fisicamente aquí, segue preocupado polo Museo e deixa instrucións moi precisas aos seus achegados para que determinados fondos da súa autoría viñesen finalmente a esta institución. Os tres álbums de guerra está aquí porque así o deixou el indicado. As significacións dun e doutro co Museo son distintas e non se poden comparar dende o momento en que un está aquí e o outro non. Outra persoa moi importante na historia do Museo é Sánchez Cantón, tamén Casto Sampedro no seu arranque. Se fose por servizos ou promoción e apoio teriamos un abano importante de nomes para poder escoller pero, desde o punto de vista da vinculación continua e directa co Museo, a persoa máis significada para dar nome ao Sexto Edificio é Filgueira Valverde. 
 

Quen ten que decidir este nome e cando se escollerá?
Iso correspóndelle á Administración da que depende o Museo, que é a Deputación. Cando se decidirá? esa é unha pregunta para a que eu non teño resposta.
 

A Deputación, gobernada por PSOE e BNG, anunciara tamén a creación dun consello asesor independente e formado por técnicos para a toma deste tipo de decisións. Que sabe dese asunto?
Ese é un tema no que a min non me gustaría entrar nesta entrevista. Imposible non hai nada, agás a morte. Quizais sexa un problema de oportunidade. Eu teño a miña opinión a ese respecto pero nunha entrevista destas características non debería falar dese asunto.
 

Cre que non hai interese en crear un organismo independente?
O padroado e o consello asesor son figuras distintas. Un consello asesor pode asesorar pero non afecta á personalidade xurídica. Outro aspecto é o perfil xurídico do Museo como tal. Ese órgano asesor non ten personalidade xurídica, polo tanto pódese crear, pero esa labor incumbe a outra instancia. A miña opinión como cidadán é unha, como director debo acatar as decisións dos órganos dos que depende esta casa. Non hai nada que impida que o Museo recobre a personalidade xurídica que tivo cando se creou como tal un 30 de decembro do ano 1927.

Nada impide que o Museo recobre a personalidade xurídica que tivo cando se creou un 30 de decembro de 1927


Tense falado moito das interferencias da política na actividade do Museo. Como valora o traballo de Xosé Leal, o actual deputado de Cultura?
Se dixese que non é positivo mentiría. O máis preciso que podo dicir é que apoia plenamente as actividades que se desenvolven neste Museo. É un deputado que suma, co que se pode falar. Sempre que se lle formulan peticións escoita. Nós presentamos programacións ben pensadas que nacen, en primeiro lugar, das nosas coleccións e, despois, de acontecementos significativos que se producen durante o ano. A miña opinión é moi positiva. 
 

Na actualidade os edificios Castro Monteagudo e García Flórez están pechados por obras. Cando se van reabrir?
Estamos traballando neste momento neses edificios e non hai unha data exacta de apertura. Máis ou menos sabemos xa o contido de cada un deles, que non vai ser moi diferente do que xa había. Os edificios xirarán, por unha parte, arredor da arte máis antiga da historia, non da época prehistórica. Refírome á arte medieval non galega -xa que a arte galega está toda entre o Sexto Edificio e o Edificio Sarmiento para que haxa unha continuidade. 

Seguimos traballando nos edificios pechados ao público e non temos ainda data de apertura 


Que tipo de obras se están a facer?
Neste momento estamos definindo cuestións de tipo estrutural, de accesibilidade e de comunicación e tránsito entre edificios. No esencial, agás algúns reaxustes, os edificios non admiten moitas modificacións porque son Bens de Interese Cultural e están moi ben asentados. Desde un punto de vista estrutural non se poden tocar. 
 

Ademais hai moitos fondos que o Museo non pode expoñer por falta de espazo. 
Esa situación non só se produce no Museo de Pontevedra. 
 

Sería preciso comprar un sétimo edificio?
Si, rotundamente. O Museo precisa máis espazo e é ben coñecido polo deputado Xosé Leal, con quen o entendemento é pleno. Hai determinadas coleccións que poderían vir ao Museo se dispuxesemos de espazo para colocalas. Os seus propietarios están dispostos a doalas se non quedan arquivadas nun fondo. Eu tamén lle digo a esas persoas que teñen que esperar, porque o que moito abarca pouco apreta. A tarefa máis importante deste momento é  rehabilitar e abrir os edificios centrais, onde estará a arte non galega dos séculos XV ata o XVIII, en pintura a en ourivería autóctona e non autóntoca. No García Flórez reubicarase a historia de Pontevedra, articulada a partir de dous parámetros que teñen que ver coa súa ubicación. Pontevedra está na fachada atlántica da Península Ibérica, o que lle dá unha proxección vencellada co mundo do mar. Ademais, o seu nome está relacionado cunha ponte, que se crea para unir e pasar, neste caso un río. Pontevedra nace nun camiño. Arredor destes eixos xirará a exposición permanente que se poderá ver no edificio García Flórez, que será, dalgún modo, o museo de historia de Pontevedra. Por aí van as liñas de traballo dos contidos deste edificio.

O Museo precisa máis espazo e é ben coñecido polo deputado Xosé Leal


Non descarta entón que, nun futuro, e se hai vontade política, se poidan adquirir novos espazos para o Museo?
Non é que non o descarte, é que penso que debería ser así. Se de min dependese apostaría por isto.
 

E a qué adicaría eses novos espazos?
Como comentei antes, hai promesas de doazóns que poderían recibirse e ter acomodo en novos espazos. Hai algunhas coleccións que son importantes en clave galega. Pero este museo tamén é importante para a arte doutras latitudes. É importante ver semellanzas e contrastes entre as manifestacións que se producen en distintos territorios nun tempo determinado. 
 

O orzamento do Museo sitúase arredor do millón de euros anual.
Nestes momentos é difícil dar esa referencia porque o capítulo xeral de recursos humanos vai aparte. 
 

É suficiente?
Se eu dixese que os orzamentos para o Museo son suficientes sería un mal director. Non se trata de pedir por pedir. O Museo ten moitas necesidades, porque ten moitos edificios e unha programación moi densa. Aquí hai actividades practicamente todos os días do ano. Dispoñer de seis edificios implica ter máis recursos. Por exemplo, hai que ter persoal de vixilancia en cada un deles. Ademais non hai que esquecer que esta institución mantense aberta durante once horas cinco días á semana. Os luns pecha por descanso de persoal, pero tamén para facer traballos de acomodo, traslado de fondos ou mantemento.

A miña xubilación serviríame para materializar determinados libros que están na miña cabeza 


Por que non se recupera a Bienal de Arte?
Eu podo ter unha opinión ao respecto, pero a decisión non teño que tomala eu. Sei que se falou no seu momento de recuperala pero a pregunta hai que formularlla ao deputado de Cultura. 
 

Carlos Valle ten entre os seus plans xubilarse?
Algún día tocarame. Se me apetece? Non, porque, en calquera dos casos, sexa cal sexa a miña situación administrativa, a miña cabeza vai seguir traballando exactamente igual. A xubilación serviríame para materializar determinados libros que están na miña cabeza. Non quero levar comigo á tumba esas publicacións e necesito tempo para materializalas. Desde un punto vista biolóxico espero que a vida non se porte mal comigo.

Carlos Valle: "A persoa máis significada para dar nome ao Sexto...
Comentarios