Carme da Silva acusa ao PP de querer "volver ao nacionalcatolicismo"

▶ A concelleira de Festas tilda de "preconstitucional" a proposta dos 'populares' de que os cargos públicos asistan a actos relixiosos
 
Carme da Silva en Lourido. RAFA FARIÑA
photo_camera Carme da Silva en Lourido. RAFA FARIÑA

A concelleira de Festas, Carme da Silva, respondía o mércores ás declaracións da deputada do PP Pepa Pardo, quen defendeu a asistencia dos cargos políticos a actos relixiosos a raíz das críticas do BNG á presenza de deputados provinciais socialistas na ofrenda á Virxe Peregrina deste ano.

Para da Silva, "defender como defendeu a representante do PP, e, polo tanto, como defende o PP de Pontevedra, que os cargos públicos asistan a actos relixiosos é trasladarnos novamente ao nacionalcatolicismo".

Unha proposta que a concelleira tildou de "preconstitucional": "Parece mentira dunha forza política que di que venera a Constitución. Porque a Constitución di que ten que haber separación entre o Estado e a Igrexa, e que o Estado español é un Estado aconfesional. Polo tanto, os cargos institucionais do Estado español non deben asistir en calidade de tal a actos relixiosos, porque incumpre claramente os obxectivos que como Estado nos temos que marcar. Que é separar Igrexa de Estado".

Carme da Silva: Cremos profundamente que para que unha sociedade avance o laicismo é fundamental

Por iso, "ten que haber clara separación entre os cargos institucionais, que se deben ao conxunto da sociedade, e os actos relixiosos". Algo que, como apunta, sempre practicou o BNG, xa que "levamos 20 anos no Goberno de Pontevedra e non asistimos a actos relixiosos en representación do Goberno. Se logo hai membros que son practicantes e van a actos relixiosos, van a título individual. Pero nunca en representación do Goberno".

Desde o Concello reivindican o laicismo: "Cremos profundamente que para que unha sociedade avance o laicismo é fundamental. Non se poden defender outros deberes como a ecoloxía ou o feminismo se non empezamos por defender que cada institución ten que facer o que lle corresponde. E desde logo non lle corresponde aos cargos institucionais participar en actos relixiosos de forma activa. Á Virxe pódeselle pedir que chova, porque os Gobernos sobre a chuvia non podemos facer nada. O que non lle podemos pedir é que mire pola igualdade, porque aí si que temos responsabilidade".

Comentarios