Carme da Silva pide ao Goberno que esixa a Elnosa a recuperación ambiental dos terreos que ocupaba

A aspirante do BNG ao Congreso considera "unha prioridade" rexenerar os 12.000 metros cadrados nos que estaba a fábrica de cloro
Un momento do encontro que mantivo a forza nacionalista coa Plataforma dos Praceres. DP
photo_camera Un momento do encontro que mantivo a forza nacionalista coa Plataforma dos Praceres. DP

A recuperación dos 12.000 metros cadrados que ocupa Elnosa nas marimas de Lourizán «ten que ser unha prioridade». Así o indicou rotundamente onte a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, nun encontro con representantes da Plataforma dos Praceres, ante os que instou ao Goberno do Estado a esixir "de inmediato" ao grupo Bondalti -propietario de Elnosa- a recuperación ambiental dos terreos da pechada fábrica de cloro.

Segundo lembrou Da Silva, o Ministerio de Transición Ecolóxica declarou oficialmente a caducidade da concesión en decembro do ano pasado, e dende entón a empresa, responsable da recuperación, non deu movementos oficiais firmes. "Estamos preocupados porque caducou a concesión e a empresa parece que non presentou aínda o proxecto necesario para a recuperación dos terreos, a súa restitución e a incorporación ao espazo público. O tempo está a correr e hai que actuar de inmediato", subliñou a nacionalista.

De feito, dixo Da Silva, aínda que xa se retiraron algunhas máquinas e dependencias da factoría, quedan estruturas por demoler e, o máis importante, realizar a intervención ambiental para a limpeza da parcela tendo en conta o estado dos terreos e as súas afeccións. Para iso, lembrou, é preciso deseñar e aplicar un proxecto específico que segue en fase de "presentación e estudio" a pesares de ter pasado case ano e medio dende que a cloreira deixou de producir, en xullo de 2018.

Por esta "parálise", a nacionalista subliñou que é fundamental que o BNG estea no Congreso "para presionar e acelerar cuestións coma esta, obrigando a que o Goberno non se poña de perfil e que a recuperación da ría sexa prioritaria, que estea sobre a mesa, sendo escrupulosos para que os trámites administrativos se cumpran. É preciso que eses terreos se incorporen coas máximas garantías de novo ao dominio público e vemos que non hai pasos adiante, mais urxe a recuperación e a reversión", apuntou.

Comentarios