'Carmen' dálle a benvida a 2022

O Ballet de Galicia acompaña á Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra no Concerto de Aninovo, que se iniciou cun importante atraso causado por problemas de acceso ao auditorio
Un momento do concerto dirixido por Roberto Baltar. JAVIER CERVERA
photo_camera Un momento do concerto dirixido por Roberto Baltar. JAVIER CERVERA

Como sucede no máis famoso concerto de aninovo do mundo, o da Orquestra Filharmónica de Viena, o público de Pontevedra tamén acabou este sábado batendo palmas ao ritmo da Marcha Radetzky, de Johann Strauss. Como cada 1 de xaneiro dende hai máis dunha década, así rematou o Concerto de Aninovo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, que se iniciou cun importante atraso (duns 20 minutos) causado por problemas de acceso ao auditorio, a onde só se podía entrar a través dunha única porta na que había que mostrar o certificado de vacinación para despois incorporarse a outra fila que levaba á comprobación da entrada, segundo sinalaron distintos espectadores. O sistema atrasou o comezo do espectáculo e formou longas ringleiras no exterior do Pazo da Cultura.

Co público acomodado finalmente, comezou o recital, para o que a Orquestra contou, nesta ocasión, coa colaboración do Ballet de Galicia, do director Roberto Baltar e da mezzosoprano Nuria Lorenzo. O primeiro dirixiu as orquestras de Bélxica, Finlandia e Polonia. A segunda recibiu a Medalla de Galega Destacada 2014 en recoñecemento á súa traxectoria profesional como cantante lírica e directora de coros. No concerto deste sábado interpretou fragmentos da ópera Carmen, de Bizet.

A segunda parte foi, como manda a tradición, a que protagonizou un programa de valses e polkas, no que colaborou o Ballet de Galicia, "que recibiu o primeiro premio na categoría de grupos no Youth American Grand Prix de 2021, celebrado en Berlín".

DIEGO LANDÍN. A agrupación de baile, nacida en Marín no seu día e que abriu as súas portas como Escola Profesional de Danza en 2020, estivo dirixida polo coreógrafo Diego Landín, que o día da presentación do concerto no Concello explicou en que consistiría o papel do ballet. "Combinaremos a danza clásica do Quebranoces con outra proposta contemporánea", explicou.

A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, que está formada por preto de 50 músicos, celebra cada 1 de xaneiro un Concerto de Aninovo no que adoita incorporar distintas propostas musicais, máis alá dos tradicionais valses. Na edición do ano pasado contou, por exemplo, co multiinstrumentista Abraham Cupeiro, que traballa na reconstrución de instrumentos prehistóricos e doutras tradicións musicais.

Comentarios