Carmen Lence: "É importante contar a historia de superación do sector lácteo"

A conselleira delegada de Leche Río aposta por comunicar contando historias en troques de centrarse nos números, o máis habitual no sector
undefined
photo_camera Carmen Lence durante a conferencia que impartiu este martes na Facultade de Ciencias Sociais. DUVI

Entre centrarse nos números e contar historias, Leche Río optou pola segunda alternativa á hora de fixar a súa estratexia de comunicación. Un relato, concretamente, baseado na historia de superación do fundador da empresa, Jesús Lence, pero tamén a historia do sector lácteo galego. Esta idea constitúe a base da comunicación de Leche Río, explicou este martes a súa conselleira delegada, Carmen Lence, nun coloquio patrocinado pola Cátedra Empresa Familiar da Universidade de Vigo e inserido na programación de Culturkata 2022, que se celebrou na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A idea é que o alumnado coñeza de primeira man a profesionais da comunicación.

"Nós non queremos comunicarnos como unha empresa de leite, queremos comunicarnos como unha filosofía de vida, porque a final a superación é unha filosofía de vida", salientou a empresaria, que o pasado ano foi escollida unha das cen mulleres líderes máis influentes do país, segundo informou o Duvi. Baixo o título Como empregar o storytelling na empresa familiar, Lence destacou que este xeito de comunicación é o que permite "relacionarte coas persoas de maneira emocional".

Na actividade participaron tamén a decana, Emma Torres; o vicerreitor do campus, Jorge Soto; a codirectora da Cátedra Empresa Familiar, Elena Rivo, e o presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar, Víctor Nogueira.

Despois de vivir e traballar en sete países, Carmen Lence situouse en 2019 á fronte de Leche Río tras o falecemento de seu pai, Jesús Lence, fundador "dunha das empresas lácteas máis poderosas do país", a única galega que se sitúa entre as dez firmas máis importantes deste sector en España, e que lideraba "dunha forma moi personalista", polo que a súa morte xerou "incertezas" respecto da continuidade da compañía.

Así, a empresaria destacou a importancia de "crear confianza", para o que é vital a comunicación. "A xente non ten porque saber quen son. É o meu traballo contalo e pór en valor o que somos e o que nos fai diferentes", salientou.O primeiro factor diferencial era o propio feito de "ser unha empresa familiar galega" e que a partir de aí "é importante contar a historia de superación do sector lácteo" nunha comunidade "que produce o 40% do leite que se consume en España e que é a oitava rexión europea" con maior produción. Non obstante, en Galicia "transformamos menos do 50% do leite que producimos", mentres que a outra metade "está pagando impostos e creando emprego fóra" o que ao seu xuízo supón "unha traxedia que hai contar".

Ser a única empresa galega entre os dez principais produtores do sector en España é a terceira que máis leite recolle en Galicia é algo que, afirma, "fainos únicos". Así mesmo incidiu na importancia da empresa para o sector como algo que "hai que pór en valor". Mais, alén disto, o grupo ten tamén outra "historia única", a do seu fundador, que comezou "por casualidade" neste sector tras recibir tres camións cisternas como pago a unha débeda cando rexentaba unha pequena gasolineira.

"Cinco valores fundamentais", a coraxe, a perseveranza, a iniciativa, a colaboración e a excelencia motivaron o éxito do proxecto empresarial impulsado polo seu pai. Esa historia de superación, explicou, represéntase tanto no embalaxe dos seus produtos como nas súas campañas publicitarias, coas que buscan que o consumidor non os relacione cun produto, senón "coa historia do sector lácteo galego, dos gandeiros e dunha empresa de tamaño medio que se pelexa con multinacionais".

Importancia da empresa familiar
Rivo lembrou a importancia que ten en Galicia a empresa familiar, que abrangue desde pemes ata multinacionais e que "representan máis do 80% do empresariado en España e preto do 93% en Galicia". Nesa mesma liña pronunciouse tamén Nogueira, que apuntou que "o 86% do emprego privado xerado" na comunidade corresponde ás empresas familiares, ao igual que "o 85% do valor engadido bruto xerado na economía".

Comentarios