Carmen Lorenzo: "O que falla para estar adscritos á Universidade é a vontade política"

Despois de tres anos con responsables nomeados pola Xunta, a directora da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais e o seu equipo presentaron un proxecto para dirixir o centro, único en Galicia e cunha traxectoria de 27 anos que non garante a súa visibilidade na sociedade. "Moita xente non sabe que existimos"

Carmen Lorenzo nun corredor da Escola de Conservación e Restauración. DAVID FREIRE
photo_camera Carmen Lorenzo nun corredor da Escola de Conservación e Restauración. DAVID FREIRE

Integrante do departamento de Conservación e restauración de materiais arqueolóxicos da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (ESCRBCG), situada en Pontevedra, Carmen Lorenzo (Ferrol, 1965) asumiu hai uns meses o cargo de directora, despois de tres anos nos que a Xunta nomeaba directamente ao equipo directivo ao non haber voluntarios. «Presentamos un proxecto, fomos os únicos e non nos dixeron que non».

Por que se animaron a presentar este proxecto?

Pensamos que non era boa idea que a Xunta seguise nomeando directores. É forzoso. É distinto se presentas un proxecto. Os cargos directivos son moi desagradecidos, é moito traballo e non compensa. Pero hai situacións nas que dis: se queres avanzar e cambiar as cousas alguén terá que ofrecerse.

Cales son as liñas básicas deste proxecto?

Seguimos coa teima da adscrición á Universidade. Buscamos que a escola funcione o mellor posible e darnos a coñecer, porque aínda que é un centro que leva aquí 27 anos hai moita xente que non sabe que existimos, por incrible que pareza. Mesmo orientadores de institutos non teñen moi claro o que somos. Levamos moitos anos facendo campañas de promoción, acudindo a feiras... Son uns estudos descoñecidos. O feito de estar fóra da Universidade prexudícanos moitísimo. Se non lle explicas á xente o que somos é moi difícil. Non somos un ciclo, non somos un grao...

O da equivalencia de grao, pese a que a Consellería de Educación di que é suficiente para xustificar a negativa a adscrición á Universidade, non os convence?

Non. O que a un graduado se lle dá por sabido co seu título non lle pasa aos nosos alumnos, que practicamente teñen que ir co DOG debaixo do brazo para demostrar que o título é equivalente a todos os efectos ao grao universitario. Teñen que entregar o título, convencer á persoa da equivalencia e, en ocasións, demostralo. Despois atópanse con cousas complicadas. Por exemplo, á hora de solicitar unha bolsa ou matricularse nun mestrado collen un formulario e a primeira pregunta é en que universidade estudaches. Que contestan? Ademais, estes mesmos estudos tamén existen na Universidade. Se tes un fillo que quere estudar Restauración, que lle dis? En Galicia non hai, pero se podes mandalo fóra... A maiores, nós temos tres especialidades: Escultura, Arqueoloxía e Pintura. Na Universidade non as hai, é un tí  tulo máis xenérico.

O alumnado sempre loitou pola adscrición. A dirección apoia estas reinvindicacións activamente?

Desde logo. E o alumnado está implicado porque quere un título universitario. Pero o que falla é a vontade política.

Á parte dos exemplos que comentaba, de que outra maneira sería beneficiosa a adscrición?

Non é o mesmo ser un centro aillado que formar parte da Universidade. Teriamos acceso á súa infraestrutura a todos os niveis. Por exemplo, cando nós queremos facer analíticas de mostras de obras acudimos á Universidade de Vigo ou á de Santiago, pero non é o mesmo prezo. Tes que pensalo. E, sobre todo, que sería un recoñecemento á titulación. Que se somos equivalentes a todos os efectos... Non queremos iso, queremos ser de verdade. Os estudos que se imparten aquí teñen o mesmo nivel que os que se imparten en calquera outra facultade. Os nosos alumnos saen ben preparados, diría que mellor. De feito, sempre que os nosos alumnos foron facer prácticas a museos internacionais (Reina Sofía, El Prado, o Arqueológico...), sempre nos felicitan e repetimos. Se non estiveran preparados non nos volverían chamar.

«Os rapaces teñen que estudar o que queiran e se traballan duro e son bos, saen adiante»

Cantos alumnos ten a Escola?

Ofertamos 20 prazas en 1º e este ano non as cubrimos. A cifra está descendendo moitísimo nos últimos anos en todas as escolas superiores de Restauración de España. Non sabemos moi ben por que, se é que estes estudos non interesan, se a cultura está de capa caída...

É unha carreira vocacional ou ten o gancho da saída laboral?

É vocacional, si. Saídas, realmente, hoxendía, cales a teñen? Ten que gustarche o mundo da arte, a cultura, os museos... Tamén ten un compoñente científico importante. Tal e como están as cousas penso que os rapaces teñen que atopar o seu camiño, estudar o que queiran e se traballan duro e son bos no que fan, saen adiante.

Máis aló da adscrición, que necesita a escola?

Máis visibilidade. E tamén que a Consellería conte con nós á hora de facer actuacións, como centro asesor... Penso que estamos desaproveitados por parte das administracións. Tamén ofrecemos a nosa colaboración ao Concello, somos únicos en Galicia.

Comentarios