A carpa de Composta logra en dous días 200 inscritos que se anotan á reciclaxe

O goberno local considera que se está a constatar "o interese da veciñanza nos sistemas de compostaxe que ten en marcha o Concello", tras dúas xornadas divulgativas a pé de rúa
undefined
photo_camera Imaxe da carpa Composta, no centro da cidade. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Concellaría de xestión dos residuos municipais de Pontevedra, que coordina Raimundo González, volve a sacar á rúa este venres a carpa de Composta, na terceira e última xornada informativa e divulgativa sobre o sistema de tratamento dos residuos orgánicos do Concello. Esta iniciativa de difusión, a través da caseta que se instala na praza da Peregrina, enmárcase dentro das accións coas que o Concello vén conmemorando o Día Mundial do Medio Ambiente desde ano.

Este xoves, o goberno local informou de que nas dúas primeiras xornadas, os venres 28 de maio e 4 de xuño, "evidenciouse o interese da veciñanza por coñecer e participar no sistema de tratamento de residuos que o Concello ten activo, o que se traduciu en ao redor de 200 inscricións".

Na carpa ofrécese información detallada sobre as tres modalidades de compostaxe que se están a traballar en Pontevedra. De un lado o sistema individual (nas vivendas unifamiliares). Doutra banda o sistema comunitario (nos centros de compostaxe espallados polos barrios). E como terceira opción o colector marrón, que se emprega na améndoa central da cidade.

A caseta informativa, que estará aberta de 11.30 a 14 horas en horario de mañá, e de 17 a 20 horas pola tarde, ademais da súa función divulgativa e de concienciación cidadá, tamén posibilita que as persoas que aínda non participan en ningunha das modalidades de compostaxe poidan inscribirse.

Aos interesados que se acheguen ata esta intalación tamén se lles entrega un saquiño de compost e unha planta aromática de uso culinairo (alfavaca, hortelá, romeu, menta, salvia, ourego, coandro, melisa, lavanda, santolina ou tomiño) para que coñezan algúns dos usos da reciclaxe.

Comentarios