domingo. 20.10.2019 |
El tiempo
domingo. 20.10.2019
El tiempo

A carpa do Revitaliza recolle máis de cen solicitudes veciñais para compostar

César Mosquera amosoulle o compost a Raimundo González. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
César Mosquera amosoulle o compost a Raimundo González. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
A campaña informativa da Deputación obtivo unha magnífica resposta. Mosquera louba a sensibilización da veciñanza

A actividade das mestras e mestres composteiros do Revitaliza este venres en Pontevedra foi inxente. Foron moitas as persoas que se achegaron ata a carpa informativa instalada na Praza da Peregrina para saber máis sobre a compostaxe, superándose incluso as previsións de adhesións e compromisos para participar da compostaxe comunitaria na cidade ou ter un composteiro individual nas casas con horta no rural.

O persoal técnico do plan da Deputación, xunto cos do Concello, recolleron en apenas tres horas máis dun cento de presolicitudes asinadas cun compromiso persoal que agora se xestionarán nas oficinas. Segundo explicou o vicepresidente provincial, César Mosquera, a xornada foi un éxito e atenderanse todas as peticións, aínda que con diferentes ritmos en función das zonas do concello.

O nacionalista loubou o interese da veciñanza pola compostaxe no posto informativo, onde o persoal técnico atendeu a cada persoa que se achegaba con dúbidas. "Se algo ten a xente é sensibilización. En xeral hai preocupación por como está o medio ambiente e interese en facer algo e non seguir castigando o planeta alegremente", dixo, para engadir que o que pretende o Plan Revitaliza "é dar solucións para compostar canalizando esa enerxía e o sentir da xente".

De feito, o vicepresidente puxo o exemplo dalgunhas persoas que na propia cidade de Pontevedra compostan en balcóns ou incluso con composteiros de cociña caros e difíciles de atopar. "Teñen sensibilización pero tecnicamente non o está a facer ben porque non teñen coñecementos. Por iso é importante canalizar a sensibilización e dar os medios para compostar correctamente", destacou.

Mosquera, que acudiu a visitar o posto informativo xunto aos concelleiros de Economía, Raimundo González, e do Rural, Alberto Oubiña, explicou que a carpa forma parte dunha campaña para divulgar a compostaxe que está percorrendo a provincia. Destacou que "é importante o contacto directo co programa e cos mestres composteiros", e lembrou que dentro do programa Revitaliza vaise porta por porta para explicar o funcionamento dos composteiros, e convócanse reunións para os centros de compostaxe comunitarios.

A carpa do Revitaliza recolle máis de cen solicitudes veciñais para...
Comentarios