A casa máis decorada do Nadal pontevedrés está en Monte Porreiro

Margarita González leva iluminando a súa vivenda máis dunha década e cada ano vai incorporando novas pezas ►"Se Abel Caballero quere colaborar comigo, non hai problema", chancea
Iluminación en la casa de Monte Porreiro. CEDIDA
photo_camera Iluminación en la casa de Monte Porreiro. CEDIDA

O Nadal é tempo de celebración e ledicia, incluso neste ano tan caótico. Por iso, nin unha pandemia mundial como a do coronavirus foi impedimento para que Margarita González poida presumir un decembro máis de ter a casa máis iluminada e decorada de Pontevedra. "Lévoo facendo dende hai máis de dez anos, cando as miñas fillas eran pequenas, e cada Nadal vou mellorando", defendeu ante os micrófonos da Radio Galega a dona da vivenda, situada na rúa Reino Unido de Monte Porreiro.

Este "hobby", como así o define esta veciña pontevedresa, lembra en boa parte ao gusto do alcalde de Vigo por iluminar a cidade olívica por estas datas. Sen embargo, ela mesma resalta que esta iniciativa é "particular" e non te nada que ver coas institucións. "Fágoo porque me gustan as cousas bonitas e son moi detallista", precisa, aínda que chancea con que "se Abel Caballero quere colaborar comigo, non hai problema".

Iluminación en la casa de Monte Porreiro. CEDIDA (3)GASTOS. A decoración da vivenda de Monte Porreiro ten de todo. Unha figura de Papá Noel, estrelas, árbores de Nadal... e todo iso iluminado por centos de lámpadas Led. "Este ano incorporamos un grupo de renos cun carriño e un globo enorme que xa tiñamos o ano pasado pero que non se apreciaba dende a rúa", declara Margarita González.

Ademais, a instalación, que tamén está acompañada dun fío de música de Nadal, require dun gran número de cables e enchufes para asegurar o seu bo funcionamento.

Pero tal arsenal de recursos leva consigo unha serie de gastos, tanto económicos como de traballo. Porén, esta pontevedresa quítalle ferro a ambos custos: "Aínda que os adornos si que son caros, a maioría do decorado está formado por bombillas Led pequenas, polo que o aumento do recibo da luz si que é maior do normal en xaneiro pero sen que sexa unha esaxeración", di Margarita, quen asume "o 99%" do traballo de colocar todas as pezas. "O meu marido axúdame para certas tarefas que requiren algo de forza".

Iluminación en la casa de Monte Porreiro. CEDIDA (4)

INSPIRACIÓN. ¿E como xorde a idea? A dona da vivenda asegura que as decoracións típicas das festas en EE UU servíronlle de inspiración, aínda que o máis importante e que lle gusta. "Facer algo así sen estar convencida non tería sentido", asegura.

Tal é a paixón de Margarita González pola iluminación que nin sequeran o tráxico falecemento da súa nai hai catro anos trastocou os seus plans: "Ela morreu un mes de xullo e en decembro decidín, con moita dor, decorar igualmente a casa porque a ela encantáballe e serviu tamén para recordala e homenaxeala".

"A iluminación non pode faltar en cada Nadal", sentenza.

Iluminación en la casa de Monte Porreiro. CEDIDA (2)

REPERCUSIÓN. Pero non só a familia de Margarita goza deste peculiar decorado. Como ela mesma afirma, "vén xente todos os días" á vivenda para admirar a instalación.

"Algúns aparcan os coches no medio da estrada para ver mellor a casa e, incluso, moitos soben aos muros para facer mellores fotos", di.

Os que queiran ver en primeira persoa o decorado da vivenda de Margarita Gónzalez só teñen que pasarse por Monte Porreiro. "As luces están acesas todos os días desde as 19.00 horas máis ou menos e ata a mañá seguinte", e a instalación permanecerá na fachada da casa ata o vindeiro 8 de xaneiro.

Comentarios