Case 300 imaxes aspiran a gañar '#FotoÁgora', con 40.000 euros en premios

O xurado recoñeceu que hai obras de "grande calidade" e agora deberá deliberar
O xurado de #FotoÁgora constituíuse este martes. DP
photo_camera O xurado de #FotoÁgora constituíuse este martes. DP

O xurado de #FotoÁgora (certame fotográfico do departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación de Pontevedra para poñer en valor o espazo público como dereito das persoas a través de imaxes) deberá analizar as 297 fotografías presentadas para repartir ata 40.000 euros en premios.

O tribunal, que se constituíu este martes, está formado pola presidenta da Deputación -e o deputado Uxío Benítez como suplente-, a xornalista gráfica Mónica Patxot, o profesor da UVigo Jorge Lens, a xefa do servizo de Infraestruturas Carmen Gómez, o asesor en Mobilidade Jesús Fole, e Lucía Pazos -funcionaria do departamento de Mobilidade- como secretaria.

Todos eles deberán analizar as 297 imaxes presentadas por 62 persoas das 95 inicialmente admitidas a concurso.

Na reunión mantida este mates fíxose unha primeira e rápida visualización dos traballos e salientouse a existencia de pezas de grande calidade, que agora deberán ser estudadas máis en profundidade de maneira individual. Haberá un vindeiro encontro o próximo 15 de febreiro, cando o obxectivo é facer unha primeira peneira entre as fotografías para levar á final só as mellores propostas.

GALARDÓNS. Será a finais de mes cando se anunciarán as imaxes gañadoras do primeiro (6.000 euros) e segundo premio (4.000) e as que corresponden a cada un dos principios que promulga a Rede Ágora (2.000 euros cada unha): O espazo público é un dereito das persoas; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable. Tamén se seleccionarán outros 20 accésit (500 euros cada un). Cabe a posibilidade de que algún dos apartados sexa declarado deserto.

O deputado Uxío Benítez amoseouse moi satisfeito da acollida e o resultado da iniciativa e lembrou que o obxectivo do certame é abordar a importancia e a prioridade das persoas no espazo público dende todas as perspectivas.

Comentarios