Castela e León interésase pola Escola de Canteiros

Estuda os usos construtivos e industriais de pedras e cerámicas

Representantes da Federación da Construción na Escola. DEPUTACIÓN
photo_camera Representantes da Federación da Construción na Escola. DEPUTACIÓN

Un grupo de representantes da Federación de Construción e Servizos de Castela e León vén de coñecer as instalacións da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, onde recibiron, de primeira man, información sobre os traballos que os alumnos e alumnas desenvolven ao longo do ano, así como sobre as experiencias de colaboración que a Escola de Cantería está a realizar en diferentes países do mundo.

Os membros da federación de León que visitaron a Escola de Cantería están a realizar un traballo que ten por título Nuevas tendencias constructivas y análisis industrial de los materiales cerámicos y pétreos en Castilla y León. No marco deste estudo, teñen por obxectivo afondar nas accións e centros de estudos que están a traballar no sector da construción e da pedra, así como coñecer as necesidades formativas do mesmo.

Por outra banda, as alumnas e alumnos da Escola de Cantería teñen de prazo ata o vindeiro 14 de decembro para solicitar bolsas de axudas que a Deputación pon á súa disposición. En liñas xerais, estas bolsas distribúense en tres tipoloxías que abranguen dende unha básica, de 950 euros, un complemento segundo a renda, de 372 euros, e outro segundo a residencia da ou do estudante, de 250 euros.

Para optar ás axudas, os e as solicitantes deben ter máis de 16 anos e estar matriculados no curso académico 2017/18 tanto nos estudos presenciais da titulación de Canteiro ou Canteira como de Mestre Canteiro ou Mestra Canteira, na Escola de Cantería da institución provincial.

Comentarios