Domingo. 18.11.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.11.2018
El tiempo

Castelao en formato cómic

Kiko da Silva
Kiko da Silva
Kiko da Silva adapta catro relatos do autor de Rianxo á banda deseñada para un libro que publicará Galaxia en maio ►A idea xurde a partir da publicación de 'O retrato' por parte de O Garaxe Hermético no Diario de Pontevedra

"A idea xurdíu a partir de O retrato, a adaptación a cómic do conto de Castelao que no Garaxe Hermético fixemos, o ano pasado, para o Diario de Pontevedra", conta Kiko da Silva. "Foi a partir desa experiencia que naceu este proxecto", di o debuxante e director da escola de banda deseñada de Pontevedra ao respecto da publicación, o vindeiro mes de maio, de Castelao. Alma galega.

A editorial Galaxia anunciou hai uns días que Kiko da Silva adaptaría catro relatos curtos de Castelato ao cómic e que os publicaría nun novo volume. Trátase de contos que aparecen orixinalmente en Retrincos e Cousas. Co novo título, o selo que dirixe Francisco Castro pretende reforzar a aposta do pola banda deseñada en Galicia. Segundo informan no blog da editorial, ao longo de 2017 publicarán ata tres novelas gráficas "nunha aposta clara por este formato".

Orixe O volume recollerá a adaptación de relatos curtos que apareceron publicados orixinalmente en Retrincos Cousas

Proxecto "Sempre se dixo que se Castelao vivise actualmente faría banda deseñada ou animación", explica o selo editorial

No caso de Castelao. Alma galega, o seu precedente inmediato é O retrato, un traballo realizado por O Garaxe Hermético para Diario de Pontevedra co gallo da celebración do centenario da chegada de Castelao á cidade. O cómic, de 8 páxinas, entregouse conxunta e gratuitamente co xornal o 29 de maio de 2016. "Neste novo proxecto volveuse involucrar o mesmo equipo", di Da Silva.

"Sempre se dixo que se Castelao vivise actualmente faría banda deseñada ou animación e esta idea de fondo é a que impulsa este proxecto que, da man de Kiko da Silva (Premio Castelao de BD en 2014) e do seu equipo, formado por alumnado do Garaxe Hermético, chegará ás librerías en maio", indica, pola súa banda, Galaxia.

EXPOSICIÓN. Segundo informa o selo, o volume contará con material didáctico e complementarase cunha exposición. "A adaptación quere crear unha historia longa a partir deses catro relatos curtos, pois todos eles beben de temas comúns e así as historias vanse fiando e poden lerse como unha soa", explica Galaxia. "O resultado será unha novela gráfica a toda cor en capa dura que estará acompañada por material didáctico do proceso de creación. Un material que despois tamén se converterá nunha exposición".

Di a editorial que a súa idea "é mostrar un Castelao máis duro, máis adulto, máis poético", ao tempo que se mostra a Galicia da época "dunha maneira universal, porque o noso patrimonio cultural debe espallarse e coñecerse máis alá das fronteiras administrativas".

Como cando se enfrontou ao reto da adaptación de O retrato, Kiko da Silva encara este proxecro "coa intención de conseguir renovar a visión tanto plástica como de percepción narrativa do rico mundo literario creado por Castelao", comenta Galaxia. "Son uns relatos moi visuais e novidosos para a súa época, que amosaban unha poética propia e cercana á narrativa fragmentada que se utiliza na actualidade para crear as historias de banda deseñada".

Da Silva é o autor do debuxo final e do guión que adapta as historias para o libro. No proceso estará acompañado por un equipo de alumnos do Garaxe Hermético composto por Zaida Novoa, Manuel Tudela, Pablo Prado, Julián Landriz, Alberto Cardona e Manuel Tudela, que se ocuparán da documentación e dos storyboards, entre outras cousas.

Castelao en formato cómic
Comentarios