domingo. 05.07.2020 |
El tiempo
domingo. 05.07.2020
El tiempo

Castelao inabarcable

José Manuel Castaño, Ángeles Tilve, Carlos Valle e Xosé Leal (de esquerda a dereita), co catálogo
José Manuel Castaño, Ángeles Tilve, Carlos Valle e Xosé Leal (de esquerda a dereita), co catálogo
O Museo reformulará as salas adicadas ao autor de Rianxo para acoller os orixinais do álbum Nós, cedidos á institución durante os próximos cinco anos ► O organismo publica un gran catálogo sobre o autor de Rianxo con máis de 600 páxinas e 700 imaxes

Os orixinais do álbum Nós, de Castelao, que se consideraban desaparecidos e que foron localizados o ano pasado polo equipo do Museo de Pontevedra para unha grande exposición sobre o autor de Rianxo no centenario da súa chegada á capital da provincia, foron cedidos polos seus propietarios, que seguen a permanecer no anonimato, por un espazo de cinco anos ao Museo. "Con opción a prórroga", apuntou o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal. "É o que nos gustaría. O equipo do Museo realizou un traballo arduo e complicado, e despois de negociar moito tempo conquerimos esta cesión, que esperamos que sexa prorrogable e culmine nunha doazón ou nunha cesión permanente".

Primeiramente, a cesión obrigará a reformular as Salas Castelao do Sexto Edificio para incorporar estas pezas, uns traballos que se realizarán á volta do verán, segundo indicou o director do Museo, Carlos Valle. "Os cambios acometeranse despois de setembro e antes de que remate o ano".

A nova sobre os orixinais do álbum Nós foi dada este mércores na presentación dun gran catálogo sobre o autor que realizou o Museo froito da exposición Meu Pontevedra! que lle adicou ao autor hai xusto un ano. "Hoxe é un día grande para o Museo de Pontevedra", dixo o mércores o director da institución, Carlos Valle. A data, 28 de xuño, non era casual. Explicouno Xosé Leal. "É o aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía e da chegada dos restos de Castelao a Galicia". O volume, de máis de 600 páxinas, reproduce 700 imaxes.

ORIXINAIS. "Dende o momento no que descubrimos os orixinais de Nós soubemos que había que intentar que quedaran con nós e completar así o discurso expositivo sobre Castelao no Museo", dixo Valle. Segundo sinalou, neste momento, a colección da institución pontevedresa pasa a ser excelsa e insuperable. "Todo o importante sobre Castelao está no Museo de Pontevedra".

Valle lembrou a implicación de todo o equipo do Museo nos traballos sobre Castelao e as que foran as súas palabras na inauguración da exposición do ano pasado, cando se referiu a que aquel proxecto suporía un antes e un despois na aproximación á figura do galeguista. "Aquela idea materialízase hoxe con este catálogo".

Na presentación do volume tamén participaron os dous comisarios da mostra, Xosé Manuel Castaño e María Ángeles Tilve. Os dous fixeron referencia á complexidade tanto da exposición Meu Pontevedra! como da recompilación de documentación que remataba na publicación do volume. Castaño contou como o traballo se dividira en dous grandes apartados. No primeiro, titulado Castelao en Pontevedra, Pontevedra en Castelao, ademais de reproducirse todas as imaxes orixinais de Nós, repasábanse as distintas facetas desenvolvidas polo autor, das creativas ás políticas. No segundo realízase unha serie de apuntes biográficos.

"Castelao revélase aquí como un dos grandes", dixo Ángeles Tilve. "A nivel nacional e internacional. Sorprendíanos a cada momento. É un personaxe inabarcable e apaixonante". Para a comisaria, "estamos ante un xenio a moitos niveis, así que decidimos que falase el mesmo; mellor do que o di el non o vai dicir ninguén".

Castelao inabarcable
Comentarios