martes. 25.01.2022 |
El tiempo
martes. 25.01.2022
El tiempo

"Castelao é o nome que merece"

O novo rótulo, por detrás do logotipo do Museo deseñado por Uqui Permui. GONZALO GARCÍA
O novo rótulo, por detrás do logotipo do Museo deseñado por Uqui Permui. GONZALO GARCÍA

O maior edificio do Museo de Pontevedra pasa a levar oficialmente o nome do autor de Rianxo nun acto institucional no que se inaugurou unha mostra sobre a viaxe que o creador realizou por Europa en 1921 como bolseiro

Castelao é o nome que leva oficialmente dende este xoves o que ata o momento era o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, denominación que se mantiña porque dende que este inmoble se inaugurara en xaneiro de 2013 ningún goberno provincial se decidira a bautizalo.

Fíxose finalmente este ano a proposta dun membro do consello asesor da institución museísta, o crítico e comisario Ramón Rozas, que propuxo nunha xuntanza que o que é o maior espazo deste organismo dependente da Deputación levase o nome do autor de Rianxo, figura que participou na fundación do Museo e da que este conserva gran parte do seu legado. A suxestión foi aprobada por unanimidade. Así o contou o vicepresidente provincial e deputado responsable do Museo, César Mosquera, no acto institucional que seguiu á descuberta do rótulo co nome de Edificio Castelao.

undefined"Este é un acto de resarcimento, de recuperación e de mirar cara o futuro", dixo Mosquera. "Hoxe repárase unha inxustiza histórica". No mesmo insistiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. "Hoxe poñémoslle a este edificio o nome que merece: Castelao", explicou, ao tempo que se refería á xornada "como un día de gran celebración nun lugar emblemático de Galicia que garda toda a nosa memoria".

A presidenta tamén destacou o feito de que a deputada provincial de Lingua, María Ortega, se quixese sumar "a este día grande" reeditando un facsimilar do álbum Nós para agasallar con el a todos os asistentes ao acto deste xoves. "Regálavos unha xoia. Tede conciencia diso".

"Este é un acto de resarcimento. Hoxe repárase unha inxustiza histórica", di o vicepresidente da Deputación

Mosquera tamén relacionou o atraso á hora de bautizar oficialmente o edificio do Museo con reticencias na cidade a que se homenaxease a figura de Castelao. Lembrou que a Xunta de Galicia decidira entregar uns recoñecementos co seu nome, as Medallas Castelao, en 1984, para renderlle tributo, mentres en Pontevedra seguía habendo "todo tipo de resistencias, hoxe totalmente fóra de lugar". Por iso se referiu ao momento como de reparación dunha inxustiza. "Esta situación non beneficiaba a ninguén. Nin a Castelao, nin ao Museo. Hoxe gañamos todos. Era difícil entender por que isto non estaba feito xa".

undefinedÁNGELES TILVE. O Museo fixo coincidir a instalación do rótulo no edificio coa inauguración da exposición Castelao en Europa. A viaxe de 1921, que ten como comisaria a Ángeles Tilve. A mostra conmemora o centenario "dunha viaxe transcendental na historia de Castelao", dixo.

Segundo contou Tilve, a exposición está dividida en tres bloques, que coinciden coas tres etapas da viaxe realizada polo creador, entre xaneiro e outubro, con paradas en Francia, Bélxica e Alemaña.

Para compoñer este percorrido expositivo, a comisaria explicou que se seguira o diario orixinal de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que se conserva no Museo. "Estas páxinas déixannos abraiados porque demostran, unha vez máis, a capacidade inxente de traballo que tiña. É un documento excepcional".

Tilve tamén lembrou que o autor realizou esa viaxe grazas a unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), "as bolsas da fame, lle chamaban, porque eran de contías moi pequenas". "Menos que un Erasmus hoxe", apuntou Mosquera, que tamén sinalou como esta viaxe, realizada cando Castelao xa tiña 35 anos e un fillo, revela a súa ansia por aprender. "Demostra o tipo de persoa que era", dixo o vicepresidente. O obxectivo daquel periplo: coñecer de primeira man as vangandar artísticas europeas.

A proposta do nome para o edificio saíu de Ramón Rozas e foi aprobada por unanimidade polo consello asesor, segundo Mosquera

POSTAIS. Á parte de expoñer o diario orixinal da viaxe, a mostra está composta por reproducións da totalidade dos 131 debuxos que contén, fotografías, tarxetas postais, recortes e impresos diversos que o artista intercalou no texto. Así, Castelao en Europa recupera misivas a Javier Sánchez Cantón e outros documentos administrativos relacionados coa concesión da bolsa e coa realización da viaxe; cartas e postais persoais, como as enviadas á súa nai; un enorme número de libros e de catálogos mercados durante a experiencia e unha serie de obras realizadas con posterioridade nas que queda patente a influencia da viaxe, entre elas algunhas cedidas por institucións do ámbito público e privado especificamente para esta mostra.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 23 de xaneiro de 2022.

"Castelao é o nome que merece"
Comentarios