Castelao xestionará o novo local social que se creará na antiga cafetería da Liberdade

O inmoble de propiedade municipal converterase nun local social que xestionará a Federación de Veciños Castelao, segundo informou onte a portavoz do Goberno local
O inmoble da praza da Liberdade, que tamén será "reformulada". C.G.
photo_camera O inmoble da praza da Liberdade, que tamén será "reformulada". C.G.

A antiga cafetería da Praza da Liberdade, un inmoble de propiedade municipal,  converterase nun local social que xestionará a Federación de Veciños Castelao, segundo informou onte a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, trala Xunta de Goberno.  A edil sinalou que hai uns días se solicitou un anteproxecto a un estudio de  arquitectura local (NAN Arquitectos) para levar a cabo a  "reformulación" deste local, que no pasado serviu de cafetería. A súa concesión fora licitada ata en dúas ocasións,  quedando deserta en ambas as dúas veces.

"Fomos estudando novos usos desde aquel intre. Consideramos que na zona na que está sería unha moi boa idea facer deste espazo un novo local social. Para nós                -subliñou a concelleira- son  instalacións importantísimas que funcionan como base fundamental para que a veciñanza se organice e se promovan máis actividades e, se  ben temos unha rede potente, nesta zona da cidade carecemos dela". 

O local ten uns 130 metros cadrados de superficie e a súa estrutura, "a falta dun estudo a fondo", mantense "en bo estado"

Tamén lles pareceu "unha boa idea" ceder o uso deste local á Federación de Veciños Castelao, que reúne varias asociacións do municipio e o seu local, que tamén é titularidade do Concello, a parte baixa desta praza da Liberdade, "sabemos que se lles quedaba pequeno", sinalou a edil. "Entendemos que esta cesión será altamente  positiva".

O local ten uns 130 metros cadrados de superficie e a súa estrutura, "a falta dun estudo a fondo", mantense "en bo estado".

Gulías apuntou que a intención é ter "un primeiro boceto" nun prazo de dous meses para despois, "se todo vai ben", poder licitar o proxecto definitivo

Ademais de ter encargado o anteproxecto, Gulías sinalou tamén que foi solicitado un anteproxecto para a reformulación da praza e os seus espazos verdes. "Para nós a praza debe ser unha continuación do propio local social, é dicir, un lugar público onde a xente poida gozar, poida ter estancias longas e sirva de punto de encontro do barrio, aplicando todos os estándares cos que facemos as reformas neste Concello". Por iso a intención é "facer unha obra que cumpra as expectativas de todos nós".

Con respecto ao local que utiliza na actualidade a Federación Castelao, este quedaría para almacenaxe do propio Concello, pois ambas as dúas instalacións seguirían sendo da entidade municipal, xa que non se lle cedería a propiedade.

Gulías apuntou que a intención é ter "un primeiro boceto" nun prazo de dous meses para despois, "se todo vai ben", poder licitar o proxecto definitivo.

Comentarios