Os castiñeiros, protagonistas do convento de Santa Clara

A doutora María Martín-Seijo e Carmen Salinero explicaron as plantas usadas polas Clarisas e as árbores que aínda se manteñen no recinto
undefined
photo_camera Un momento das charlas celebradas o mércores pola Deputación no convento e Santa Clara. RAFA FARIÑA

Os castiñeiros foron protagonistas na historia das monxas do convento de Santa Clara. Son varios os exemplares de importancia desta especie que se manteñen na zona verde do recinto e, ademais, a madeira destas árbores era a preferida das relixiosas tanto para os cadaleitos como para calquera utilización de táboa, tanto mobles como estruturas. Así o manifestaron o mércores as doutoras María Martín e Carme Salinero, responsables da última das charlas sobre o recinto conventual, titulada As plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara.

A primeira en tomar a palabra foi María Martín, experta en arqueoloxía e arqueobotánica, isto é, no estudo das relacións entre as comunidades humanas e as plantas a partir da análise dos restos vexetais recuperados en contextos arqueolóxicos. Ela foi a responsable de falar das plantas no pasado de Santa Clara grazas ás escavacións e á investigación sobre tres tipos de materiais atopados: carbóns, madeiras e fibras vexetais.

En canto aos carbóns, a doutora explicou que se analizaron os residuos de leña utilizada no convento, da queima de madeiras para eliminación de residuos de podas e tamén dos restos de incendios atopados no interior de estruturas escavadas no solo: nas gabias, foxas e tumbas. Os restos arqueolóxicos amosaron que había moito uso de castiñeiros, e que usaban tamén carballo, toxos e xestas.

De maneira puntual, no carbón atopado apareceron restos dun xenebreiro, árbore cuxas baias aromatizan licores como a xenebra e que tamén serve para aderezar as carnes e ten propiedades medicinais. Localizáronse tamén en estruturas a profundidade restos de vides, oliveiras, cerdeiras, salgueiros -en algunhas zonas húmidas- ou maceiras, en xeral, restos de froiteiras que moi probablemente as monxas tiñan que podar, que despois queimaban e, coas que fertilizaban a terra grazas ás cinzas e carbóns.

En canto á madeira, Martín sinalou que se estudaron obxectos achados nas tumbas e os buratos de postes. Destacou a preferencia polo uso de castiñeiros, sobre todo nos cadaleitos atopados en Santa Clara, ao igual que tamén acontecía noutros enterramentos da cidade como os de San Domingos ou tamén noutras elaboracións como a carpintería de ribeira, documentada en restos atopados en Arzebispo Malvar. Indicou que esta madeira era reutilizada ata o máximo.

Finalmente, a experta en arqueobotánica falou de obxectos elaborados en fibras vexetais, tecidos e cenefas asociadas a actividades do convento que se acharon nas tumbas. Fixo referencia ao sudario, de liño probablemente, así como á cenefa atopada sobre a madeira dun dos cadaleitos atopados no convento, o único existente de piñeiro, moi probablemente dunha abadesa ou alguén destacado.

Martín sinalou que esa cenefa era un elemento decorativo, de fío de algodón tinguido e adornado con fío metálico de cobre. A creación, non datada cronoloxicamente de maneira exacta, non era un tecido tradicional ou habitual -apuntou-, senón que estaba relacionado coa revolución industrial e é posible que fora producido na fábrica dos irmáns Lees en Pontevedra, situada onde agora está o Arquivo Provincial.

Inventario botánico: 336 exemplares de 41 especies

Pola súa banda, a responsable da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) Carme Salinero foi a encargada de falar das plantas que existen na actualidade no convento. A técnica fixo un percorrido polo traballo de inventario e identificación das plantas do xardín de Santa Clara e sinalou que se teñen localizado varias árbores "de importancia" que se poderían conservar polas súas características, así como outros exemplares en mal estado que, por estar mortos ou afectados con algunhas patoloxías, é aconsellable retirar.

En total, destacou se que para o seu estudo se dividiu o terreo en catro partes e que, sen contar plantas herbáceas nin bulbosas, hai nestes momentos 336 exemplares de 41 especies botánicas. O maior número está no claustro, con 20 especies, mentres que horta hai 17, outras 10 no pomar e 14 no bosque. Só de vide hai contabilizados 163 pés de viña.

No catálogo de especies destacan, tanto polo seu grosor, envergadura, como pola súa altura, algunhas pezas como un buxo duns cinco metros de altura ou un loureiro de aproximadamente seis metros. Tamén son sinalados algúns castiñeiros situados ao lado da muralla e na zona do bosque, así como tamén catro sequoias de gran tamaño que se din irmás das que chegaron a Poio no 1992 pola conmemoración dos 500 anos da chegada a América.

Comentarios