Un catálogo dará a coñecer as liñas de investigación dos grupos do campus

A Vicerreitoría e o Consello Social de Uvigo promoverán tamén o Premio Campus Crea para o alumnado
Jorge Soto, Ernesto Pedrosa e Carlos Souto. DUVI
photo_camera Jorge Soto, Ernesto Pedrosa e Carlos Souto. DUVI

A Vicerreitoría en colaboración co Consello Social da Universidade de Vigo elaborará un catálogo de servizos para dar a coñecer entre a sociedade e o tecido empresarial as múltiples liñas de traballo dos grupos de investigación do campus.

Este foi un dos anuncios que realizaron o vicerreitor Jorge Soto e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, nunha rolda de prensa dirixida a dar a coñecer as liñas de colaboración que as dúas entidades manterán ao longo do ano. Nesta "alianza estratéxica para o campus", como a definiu Soto, insírense así mesmo iniciativas como a creación do Premio Campus Crea, dirixido a recoñecer proxectos innovadores de carácter multidisciplinar realizados polo alumnado, ou a celebración, no mes de abril, da Semana da Creatividade e da Innovación.

A investigación, a cultura, a creatividade e innovación e a educación ambiental, ao abeiro do programa internacional Green Campus, son as catro liñas nas que se sustenta este "plan de traballo conxunto", como explicou o vicerreitor. Nese mesmo senso, Pedrosa sinalou que este "marco de colaboración, que nos vai permitir actuar en áreas moi diversas", responde aos "tres puntos fundamentais" que guían a actuación do Consello Social; "o apoio ao alumnado" a proxección da Universidade na sociedade e a "cada vez máis necesaria conexión" da institución académica coas empresas. Do mesmo xeito, o presidente do Consello Social lembrou que, ao igual que "atendemos todas as solicitudes que nos fan desde os tres campus" da institución viguesa, este marco de colaboración co campus está aberto a novos proxectos e propostas "que nos irán formulando ao longo do ano". 

Por outra banda, Jorge Soto subliñou que a situación sanitaria provocada pola covid-19 obriga a "ser moi cautos á hora de facer unha programación", mais tamén lembrou que a Universidade conta cun "Campus Remoto magnífico" que permitiría, de ser necesario, converter en virtuais diferentes iniciativas. "A mensaxe que queremos transmitir é que a pandemia non nos vai parar á hora de facer campus, á hora de facer actividades que poidan ser boas para a cidade", engadiu.

Co propósito de que o campus poida dar un "salto cualitativo" no eido da investigación, nesta colaboración insírense accións como a creación do "primeiro catálogo de servizos que os grupos de investigación poden ofertar ás diferentes empresas", explicou Soto.

Pola súa banda, o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, engadiu que o propósito deste catálogo é "reforzar a conexión" entre Universidade e as empresas, dándolles a coñecer "as liñas de investigación que se poden aplicar fóra do laboratorio e das aulas e que poden axudar ao desenvolvemento das empresas". 

Neste mesmo ámbito, está prevista tamén a organización, cara finais de ano, das III Xornadas de Investigación Crea, así como a colaboración co Consello Social nunha nova Xornada Universidade-Empresa.

PREMIOS. Outra das novidades anunciadas este xoves foi a creación do Premio Campus Crea, dirixido a recoñecer "proxectos creativos e innovadores" levados a cabo polo alumnado, que deberán ter carácter multidisciplinar e implicar a estudantes de diferentes titulacións. A este galardón que, como apuntou Soto, publicará a súa convocatoria nas próximas semanas, sumaranse uns premios a traballos de fin de grao de fin de máster dos catro ámbitos de coñecemento representados no campus; galardóns que incluirán a publicación destes traballos no International Multidisciplinary Journal Crea, a recentemente presentada revista científica internacional impulsada ao abeiro do proxecto de especialización do campus.