A cátedra Feminismos 4.0 estrea a súa propia web 

"Esta nova ferramenta é un espazo vertebrador que loitará polo valor máis universal que existe que é a igualdade", apuntou Carmela Silva

Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
photo_camera Carmela Silva na presentación da web. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

"Se hai algo que é realmente universal é a igualdade, non hai outro valor máis fundamental". Con estas palabras, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, a deputada de Igualdade, Victoria Alonso e a directora da área de Igualdade da Uvigo, Águeda González, presentou este luns a nova web da Cátedra Feminismos 4.0, "un espazo moi importante que permitirá vertebrar todos os proxectos desenvoltos ao redor desta iniciativa". 

Carmela Silva e o reitor Manuel Reigosa coincidiron en que "a igualdade é máis que unha bandeira, é unha obriga e un compromiso". A presidenta provincial lembrou que a cátedra de feminismos, posta en marcha coa Uvigo fai un ano, "é unha iniciativa pioneira que nos sitúa aínda máis como referencia a nivel nacional no ámbito de investigación e innovación".

En canto á web, destacou que "é unha carta de presentación pero ao mesmo tempo un lugar de onde atopar todo tipo de información tanto vinculada á Cátedra como ao coñecemento, á investigación e innovación e á análise feminista". Amais, subliñou que "vai haber información moi relevante de estudos de xénero porque o feminismo é un proxecto de transformación baseado en análises rigorosas".

Na presentación, Silva tamén puxo en valor a "o traballo excepcional" da Universidade de Vigo e a súa capacidade para transformar, “é un referente en todos os seus posicionamentos en relación á presencia das mulleres e na loita porque ocupemos a metade dos espazos”. Ao respecto, a presidenta amosou a súa preocupación porque o número de matriculadas nas carreiras STEM sexa cada vez menor, "a ciencia e a tecnoloxía son claves no mundo actual e van ser prioritarias no corto, medio e longo prazo".

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo sinalou que a web "é unha ferramenta moi axeitada" e incidiu na "necesidade de estar presentes na rede e combater o machismo rancio que nos leva a épocas moi pasadas". Amais, Manuel Reigosa agradeceu á Deputación pola súa axuda e fixo fincapé no compromiso da Universidade pola igualdade, "é a nosa obriga". Doutra banda, Águeda González tamén agradeceu "o apoio fundamental da institución provincial nesta aventura para impulsar unha nova cultura dixital feminista" e animou a todas e todos a consultar a web e participar “neste novo espazo común”. 

A web da Cátedra é un espazo virtual para comunicar toda a actividade do proxecto, difundir publicacións de interese, informar sobre convocatorias e enlazar a organizacións que traballen nesta área. Máis polo miúdo, as usuarias e usuarios poderán encontrar nela toda a información e noticias sobre a Cátedra (seminarios, avisos sobre bolsas de investigación, axenda de actividades, etc) e tamén vídeos propios, como é o caso do Workshop 2019 da Cátedra. Amais, tamén se enlaza con diferentes entidades investigadoras neste ámbito como é MediaLab en Vigo, Donestech en Barcelona, GenderlT.org (en Sudáfrica, América Latina e India), Fundación Activismo Feminista Digital (Argentina), distintas universidades norteamericanas, e outras institucións. As persoas interesadas tamén poderán subscribirse ao boletín de novidades, que se enviará cada quince días. 

A presidenta provincial lembrou que no pasado mes de xullo a Deputación renovou o convenio coa Universidade de Vigo e xa están en marcha novas actividades coma os premios GirlGeekCovid e novas axudas á investigación con perspectiva de xénero. Amais, recordou que se creará un comité de sabias e se organizará un workshop virtual que dará continuidade ao que se celebrou o ano pasado "Sociedade dixital e xénero: hackeando o patriarcado".

Comentarios