O propio Orbil, coa colaboración dos nenos e das nenas que este luns pola tarde xogaban na Praza da Peregrina, encargouse de curar con apósitos a súa estatua que apareceu danada no centro da cidade. A escultura do lobo, mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que forma parte, xunto con outras, dunha iniciativa que promociona o evento por distintos puntos da capital da provincia, apareceu co nariz pintado, pequenos desperfectos nos nocellos e lixeiramente inclinada para atrás a pasada fin de semana. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, xunto a Orbil e outros representantes do Salón do Libro, acudiu o luns a corrixir os desperfectos en colaboración coa cativada da cidade.
"Efectivamente tivemos un trasno rebelde que unha noite feriu a Orbil. Pero hoxe amencemos co lobo reparado por outro trasno, neste caso bo", explicou a concelleira, que comentou que cando chegaron os operarios do Concello a estatua xa fora recolocada por algún cidadán anónimo. "Os apósitos que o noso pequeno equipo sanitario colocou nas pupas, para que curen, completaron agora a reparación. En definitiva todo isto o que demostra é que pode haber xente que faga gamberradas, pero en contrapartida sempre hai tamén xente moi boa".
CORONAVIRUS. Carme Fouces aproveitou para lembrar este luns que a programación do Salón do Libro transcorre con total normalidade. "Seguimos estritamente as recomendacións sanitarias con respecto a evitar calquera contaxio. Hai dispensadores de desinfectante de mans nos distintos espazos e extremamos a limpeza e a desinfección que se levan a cabo xa de xeito regular", confirmou.
Igualmente, a concelleira lembrou que, a pesar de ser este ano Italia o país convidado, os italianos que participan nas actividades están afincados en Galicia.