A cativada sóbeselle ás barbas a Benito Soto

A rapazada convértese na gran protagonista da Festa Pirata, que só tivo unha versión vespertina na que o Burla Negra e os outros barcos acabaron nas mans dunha tropa infantil ►Un incidente cun dos canóns do espectáculo acabou co aparello ardendo

Nunca un corsario deu menos medo. A Festa Pirata do Martes de Entroido, trasladada á tarde e sen espectáculo de loita final para evitar aglomeracións, derivou nunha proposta de ámbito familiar na que a cativada acabou facéndose cos tres barcos que son as grandes atraccións desta actividade. Prescindiuse dos aspectos dirixidos ao público adulto, como as caracterizacións máis duras dos piratas e a teatralización máis agresiva, aínda que si se mantivo a habitual batucada e tamén parte do espectáculo de rúa e da pirotecnia. Precisamente con esta última houbo un incidente, ao arder un dos canóns que se utiliza para o show, sen máis consecuencias.

Os tres barcos que protagonizan a Festa Pirata, o Burla Negra, que capitanea o pirata da Moureira Benito Soto, o inglés Morning Star e o francés Trois Mers, estiveron instalados dende a mañá na Praza de España. Alí permaneceron tamén mentres chovía intensamente a primeira hora da tarde, cando se supoñía que tiñan que saír a dar unha volta polo centro histórico.

Cun lixeiro atraso, cando o mal tempo deu unha tregua, as embarcacións puideron saír coa súa tripulación a bordo. O barco inglés instalouse na Praza da Peregrina cos seus canóns e as súas bandeiras. O francés, en Curros Enríquez, facendo soar incansablemente o himno do seu país. E, finalmente, o Burla Negra, na  Ferrería, coa banda sonora da película Piratas do Caribe de fondo.

Aos poucos foron achégandose a eles nenos e nenas disfrazados que os pais subían aos barcos para fotografalos "á abordaxe!!!", como lle pedía algún proxenitor que berraran para tomar unha instantánea ou gravar un vídeo. Os corsarios adultos e mozos que se teñen visto na Noite Pirata, cando se realizaba cara as dez da noite, este martes non fixeron acto de presenza. Fóra da rapazada, poucos piratas se vían. Os nenos e as nenas de Pontevedra aproveitaron o seu momento e subíronselle ás barbas a Benito Soto.

A Festa Pirata cumpría dez anos xusto este martes. Foi incorporada ao Entroido de Pontevedra en 2012 da man da concelleira de Festas, Carme da Silva, que a creou para dedicarlle unha noite de homenaxe ao pirata máis famoso da historia de Pontevedra. Tivo un éxito inmediato entre os veciños e un ano despois xa contaba cunha versión infantil pola tarde.

Comentarios