Os cativos brincan ao ritmo de Uxía Lambona e a Banda Molona no salón do Libro

O espectáculo de "Un soño é..." clausurou este sábado a primeira xornada desta edición do Salón do Libro ► A programación contou con obradoiros de videoxogos e cociña e cunha homenaxe a Pau Casals
De esquerda a dereita, imaxes do espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona, do taller de videoxogos, do obradoiro de "Imaxin-arte"
photo_camera Imaxe do contacontos de Alicia Molina. David Freire

Espectáculo con maiúsculas. Iso foi o que se viviu este sábado na clausura da primeira xornada do XXV Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Uxía Lambona e a Banda Molona fixeron brincar a todos os cativos presentes na actividade Un soño é..., un evento que tivo lugar no Auditorio e que puxo o broche de ouro perfecto a un sábado cheo de actividades para todos os públicos.

Itziar Ezquieta e o Museo do Videoxogo (MUVI) foron os encargados de abrir onte a programación. A primeira fíxoo cun gabinete de curiosidades titulado Imaxin-arte, no espazo É ou non é. Un obradoiro destinado aos maiores de 5 anos no que os rapaces sacaron o seu lado máis imaxinativo elaborando un folioscopio ou un taumatropo.

Concerto de Uxia Lambona e a Banda Molona. David Freire
Concerto de Uxia Lambona e a Banda Molona. David Freire

"Estoy trabajando desde las artes plásticas las ilusiones ópticas. En este taller estamos enseñando juguetes precinematográficos para que los niños y niñas salgan de la idea de que la imagen en movimiento y las cosas espectaculares están solamente en la pantalla, para que sepan que con un lápiz y un papel también pueden hacer esos efectos mágicos de hacer mover cosas y animar dibujos", explicou Ezquieta.

MUVI, pola súa banda, puxo en marcha o obradoiro A maxia dos videoxogos. Un evento ao que acudiron rapaces e rapazas amantes deste sector, todos eles maiores de seis anos.

"A actividade consiste nunha serie de xogos con mecánicas creativas de personalización e construcción e pintura. Os rapaces organízanse por parellas para centrarse nun dos seis xogos que lles presentamos que teñen este tipo de mecánica. Neles, poden personalizar as imaxes, pintalas, e en definitiva, sacar a súa creatividade con bastante liberdade", afirmou Lucas Costas, o encargado de impartir este taller.

Porque aínda que a sociedade ten xa certa familiaridade cos videoxogos, o certo e que aínda queda moito por descubrir.

"Está claro que os videoxogos teñen unha certa consideración na xente e e algo co que se leva tratando moitos anos, aínda que tamén moita xente o considera como algo de nenos. A pesar diso e de que a maioría dos rapaces teñen familiaridade con eles, existe un certo descoñecemento da ampla variedade de videoxogos que existen. Normalmente os nenos xogan a tres ou a catro videoxogos pero descoñecen outro tipo de títulos que hai para todas as idades e todos os intereses", sinalou Costas.

Un dos rapaces que acudiu a esta actividade foi Arid Salgueiro. "Los videojuegos que más me gustan son los de fútbol o los de construir, aunque aquí me están enseñando otros que también me parecen interesantes", apuntaba o rapaz, de 13 anos.

Cataluña. A maxia é o tema central desta vixésimo quinta edición, pero tamén o é Cataluña, a cultura convidada este ano. Por iso, os máis pequenos puideron gozar onte do contacontos para bebés Benvido á casa, unha actividade de Alicia Molina onde todos os presentes pudieron cantar en catalán.

A programación continuou cun dos pratos estrelas desta primeira xornada. Carlos Taboada e Enrique Mauricio, de Polo Correo do Vento, fixeron unha homenaxe ao músico Pau Casals. Ao tempo que fixeron un percorrido pola súa vida, realizaron unha ilustración do artista catalán en directo.

"Eu vou debuxar en directo a Pau Casals e despois imos facer un obradoiro de debuxo no que todos faremos unha caricatura deste artista", explicaba Mauricio.

Mentres, Taboada, narraba a súa historia e achegaba "a todas as crianzas e familias a vida de Casals". Fíxoo acompañado de Miguel Mauricio, que tocaba o violonchelo.

"Queremos achegar á xente o chelo, Cataluña, a maxia e a Pau Casals, que parécenos un gran defensor da liberdade e da igualdade", afirmaba Taboada.

A primeira xornada desta edición do Salón do Libro continuou cun obradoiro de cociña no que os cativos realizaron un pa de pessic grazas a Reviravolta; tamén co taller de ilustración Abracadabra, de Arkandemia; co conto para bebés De Tin Marín, a cargo de Soledad Felloza; e co obradoiro de paste-up titulado O Papalibros 3020 MaxPRO, que dirixían Sofía Venzel e Michel Casado.

As actividades de hoxe

A programación do Salón do Libro non cesa. A xornada de hoxe comezará ás 11.30 horas co Museo de pegadas de Pavís Pavós e o obradoiro de Dinosaurízate de Rena Ortega. Ademais, no Centro social A Devesa (en Alba) á mesma hora haberá un rodalibros do salón.

O cinema tamén terá un gran protagonismo co taller Mironins de Mikel Mas Bilbao e Txesco Montalt, que se celebrará ás 12.00 horas no Teatro Principal. A mesma hora terá lugar tamén os Contos con recendo a ceo azul, de Sherezade Bardají, no Recinto; e media hora máis tarde, o espectáculo O libro máxico, de Migallas Teatro.

Pola tarde

Os rodalibros do salón tamén chegarán, ás 17.00 horas, ata o Parque Casal do Río, en Tomeza. No Recinto Feiral, á mesma hora, haberá un obradoiro de Máxica cociña: teules catalanas, a cargo de Reviravolta; o contacontos de Benvido á casa, de Alicia Molina; e ás 17.15 horas, o taller O bosque animado, de La Platanera. O programa clausurará coa sesión de Pum! Contos dunha bruxa lambona a cargo de Sherezade Bardají, ás 18.00 horas; co taller A maxia dos videoxogos, de MUVI, ás 19.00 horas; e a gran gala de A Maxia dos soños, con Joshua Kennet, Lore Lavand, Mago Rafa, Dani Polo e Mago Paco.