Catro adolescentes de Pontevedra logran un premio por unha idea para abaratar o recibo da luz

Estudantes dos IES Frei Martín Sarmiento e Luis Seoane figuran entre os equipos gañadores do certame 'Atrévete a ter unha idea'
Desiré Martín, David López, Alejandro Castrelo e David Moreira co seu profesor José Vázquez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Desiré Martín, David López, Alejandro Castrelo e David Moreira co seu profesor José Vázquez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Desiré Martín, David López, Alejandro Castrelo e David Moreira, alumnos de 2º de Eso do IES Frei Martín Sarmiento, son os autores de Natura Potens 3.0, unha das once iniciativas de toda Galicia gañadoras do concurso Atrévete a ter unha idea na súa categoría, Secundaria grupal.

Nesta mesma modalidade resultaron premiados outros dous equipos do IES Luis Seoane. Tamén houbo outros once equipos gañadores de Secundaria individual e outros 22 distribuidos entre Primaria en grupo ou de xeito individual.

Dirixido a a alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Eso, o certame foi convocado pola Consellería de Educación dentro da iniciativa Eduemprende. Trátase, explica o departamento autonómico, dunha "aposta clara e firme pola implantación na comunidade educativa dos niveis non universitarios desta cultura tan necesaria para mellorar a competitividade das nosas empresas e a empregabilidade dos galegas e das galegas", ademais de ser "o marco onde coordinar as sinerxías en materia emprendedora que actúen sobre o sistema educativo, ordenando e planificando a súa aplicación".

En 2º teñen a materia de Educación Financieira e ademais de contidos deste tipo participaron no concurso, "con el que se trata de ir desarrollando una idea de negocio", segundo explicou o profesor José Vázquez. O docente dividiu ao alumnado en varios equipos e despois de que discurriran o seu plan, segundo as súas indicacións, podíanse presentar ao certame. Para iso tiveron que elaborar un vídeo no que se plasmou o guión do proxecto.

Con 13 e 14 anos, os rapaces propuxeron o proxecto Natura Potens 3.0. "Consiste nun negocio que achega solucións aos prezos da luz, tanto facendo revisións de tarifas, como cos nosos produtos, que axudan a diminuír o gasto, como luces led" ou outros dispostivos que "axudan a facer a casa intelixente", explica Alejandro Castrelo. A idea conxuga unha tenda física cunha páxina web "na que falariamos sobre nós e dariamos solucións caseiras aos prezos da luz, ademais de para vender os nosos produtos".

Non tiveron que ir lonxe para dar con esta iniciativa, pois "todo o mundo estaba falando de que os prezos da luz estaban moi altos e nós decidimos axudar". Ben lles valeu o que vían na casa, pero tamén o que foron aprendendo na clase de Economía.

David Moreira sinala que lles propuxeron "escoller un problema relacionado coa economía e escollemos isto porque era bastante recente e que afectaba a moita xente en España". O primeiro foi realizar unhas actividades previas escritas e un vídeo para o concurso, "todo teórico", apunta Alejandro.

Os catro aseguran que lles "sorprendeu" a victoria. E, ademais, non saben en que consistirá o premio. Non o descubrirán ata que recollan o premio, o vindeiro martes 21 en Santiago. "Cremos que será unha experiencia de emprendemento en grupo", máis aló da que xa desenvolveron grazas a este traballo.

MÁIS PREMIADOS. Os dous equipos do IES Luis Seoane gañaron con sendas ideas denominadas Luceprenda e Botellas comestibles. Na modalidade de Secundaria individual foi premiada O Audican (IES Fermín Bouza Brey, Vilagarcía).

En Primaria grupal figuran Galiexperiencia (CEIP Plurilingüe de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade) e Mochipau (CEP Plurilingüe de Riomaior, en Vilaboa) e en individual, Marmelada de rosas da Vía Mariana (CEP de Carballedo) e Contenedores intelixentes (CEIP de Riomaior).

Comentarios