Catro árbores da Alameda serán taladas e 77 someteranse a podas por seguridade

Cuatro de los ejemplares deberán ser talados al suponer un importante riesgo
Traballos de poda na Alameda de Pontevedra, este xoves. DP
photo_camera Traballos de poda na Alameda de Pontevedra, este xoves. DP
Evitar na medida do posible a sobrecarga do terreo con grandes eventos festivos para non danar o sistema radicular das árbores, executar de xeito inmediato a tala de catro exemplares con defectos severos e risco elevado de caída e efectuar podas de seguridade e saneamento doutros 77 para mellorar o seu estado actual de saúde e minimizar riscos son as principais actuacións recomendadas na Alameda de Montero Ríos no informe elaborado pola firma especializada Arbogal tras realizar un exame médico en profundidade ás 112 árbores do parque pontevedrés, das cales só 17 se atopan en perfecto estado.

Os resultados deste Estudo Avanzado de Avaliación de Riscos, que incluíu, entre outras exhaustivas probas, unha Visualización Técnica de Arborado (VTA) e o emprego de resistógrafos en 33 árbores que xeraban dúbidas ou tiñan feridas internas, foron presentados este xoves na Sala de Prensa do Teatro Principal polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, quen anunciou o inicio inmediato dos traballos de tala e poda máis urxentes.

Segundo explicou Puentes, que estivo acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán; o xerente de Arbogal, Faustino Meis, e mailo enxeñeiro técnico forestal Rubén Caldas, o informe tamén recomenda que se efectúen podas de formación nos exemplares máis mozos e en desenvolvemento, para evitar problemas futuros; a substitución e colocación de novas ancoraxes para as árbores que o requiran; a revisión periódicas dos exemplares e a análise instrumental das especies con posibles riscos.

Tal e como indicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, "os catro exemplares cun risco serio de desplome", que se someterán a unha tala inmediata, foron os seguintes: un tileiro próximo ao Palco da Música, un carballo común situado á altura do Cafetín con moitos fungos, madeira en mal estado e un brazo moi seco e danado, e dous álamos brancos veciños ás escaleiras do monumento aos Heroes de Ponte Sampaio.

A acción humana tamén ten provocado o debilitamento das árbores, de xeito que as multitudes, festas ou instalación de postos de feira afectan ás raíces das mesmas. "Traballamos para que os usos da Alameda se fagan compatibles coa saúde das árbores", explicou Puentes, que recoñeceu que a Alameda seguirá acollendo festas. No mesmo sentido, os técnicos explicaron que este tipo de problemas xorden en todos os xardíns históricos, polo que non é un problema illado de Pontevedra.

Comentarios