Catro colexios da comarca amplían a súa aposta polo modelo plurilingüe

O CEIP Froebel e o Sagrado Corazón suman a etapa de Infantil, na que se estrea o CRA de Vilaboa ▶ O CEIP Isidora Riestra de Poio empeza por Educación Primaria
O Sagrado Corazón de Jesús suma ao modelo Educación Infantil. RAFA FARIÑA
photo_camera O Sagrado Corazón de Jesús suma ao modelo Educación Infantil. RAFA FARIÑA

O curso 2019-20 comezou con 166 centros con modelo plurilingüe na provincia de Pontevedra, dos que 17 se incorporan por primeira vez ao proxecto plurilingüe que promove a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ao abeiro da Estratexia de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2020, segundo informou o departamento da Xunta nun comunicado. Outros doce centros amplían esta ensinanza a outras etapas educativas.

Este modelo plurilingüe -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira, maioritariamente en inglés- comezouse a aplicar no curso 2010-11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO (o denominado Plurilingüismo clásico). Xa a partir do curso 17-18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil (Plurinfantil), Bacharelato (Pluribach) e Formación Profesional (PluriFP).

Na provincia de Pontevedra, por etapas hai doce centros que incorporan por primeira vez a ensinanza plurilingüe as etapas obrigatorias (Primaria ou ESO ou a ambas), outros 13 esténdeno á etapa de infantil (8 deles xa eran plurilingües noutras etapas), e 1 incorpórao ao PluriBach, aínda que xa era plurilingüe noutras etapas.

Na cidade de Pontevedra tanto o CEIP Froebel como o concertado Sagrado Corazón de Jesús suman ao modelo Educación Infantil, ao igual que o CEIP Plurilingüe Nantes, en Sanxenxo.

Pola súa banda, o CRA de Vilaboa Consuelo González Martínez estréase no plurilingüismo (en Infantil, a única etapa que imparte), ao igual que o CRA de Valga, mentres o CEIP Isidora Riestra, de Poio, o fai con Primaria.

Outros centros da provincia que aumentan a súa aposta son os CEIP Torre-Cela (Bueu) e Castrelo (Cambados) que suman Infantil. Tamén se incorporan colexios de Gondomar, Moaña, Mos, O Porriño, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Vila de Cruces (CEIP de Cerdeiriñas, en Primaria), Vilanova de Arousa (CEIP Xulio Camba) e Vilagarcía (CEIP de Rubiáns).

RECURSOS. En Galicia hai xa 377 centros con plurilingüismo en Primaria ou ESO, 170 con PluriInfantil, 13 con PluriBach e 23 imparten ciclos formativos de FP nalgunha lingua estranxeira, aos que se suman as seccións bilingües.

Para dar apoio a estes 110.000 alumnos, a Consellería pon ao servizo da comunidade educativo un total de 617 auxiliares de conversa nativos, na mesma liña que o pasado curso, "aínda que poderán atender un maior número de centros porque se lles amplía o horario -apunta na nota-. Todos os centros plurilingües son dotados cun auxiliar de conversa".

"A figura do auxiliar de conversa é un elemento clave para achegar a realidade cultural e lingüística do país de orixe ao alumnado galego. Levan a cabo un importante servizo complementario, ao apoiaren o labor do profesorado, facilitando prácticas de conversa en linguas estranxeiras; e representan un vehículo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua obxecto de estudo", resaltan.

Comentarios