lunes. 02.08.2021 |
El tiempo
lunes. 02.08.2021
El tiempo

As catro esquinas do Salón do Libro

Catro persoas vinculadas ao evento de Pontevedra elixen os seus recunchos favoritos cando se cruza o ecuador da proposta, que se clausura o 2 de abril ►Máis de 10.000 persoas pasaron polo Pazo da Cultura os nove primeiros días

Máis de 10.000 visitas levaba contabilizadas o XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra nove días despois da súa inauguración. O evento de animación á lectura, único en Galicia, superou este martes o ecuador dunha programación, composta por máis de 300 actividades, entre contacontos, teatro, presentacións literarias, música e cine, que se clausura o 2 de abril. Aproveitando que entramos na segunda fase da proposta, catro persoas estreitamente vinculadas á organización do Salón, elixen os seus recunchos favoritos. Trátase da programadora e xerente do Pazo da Cultura, Pilar Portela; a coordinadora de actividades escolares e membro do equipo de comunicación, Ana Buela: o técnico Paco Rivas e o monitor de sala Josiño Pintos.

"Eu teño dous espazos favoritos do Salón", explica Pilar Portela. "Un é o da biblioteca, que este ano penso que gañou moito ao mover un dos tabiques. Quedou un lugar menos ruidoso e máis acolledor. O outro é a intervención que fixo Román Corbato nas escaleiras, con libros colgando. Titúlase Soñando contos". Segundo Portela, Corbato, que tamén está a construír cos nenos un muro no Recinto Feiral, conseguiu crear un espazo moi suxestivo. "O mesmo pasa coa biblioteca, un dos lugares favoritos dos nenos e das familias, onde máis se paran para gozar dos libros. Ten recunchos fantásticos como ese tan entrañable adicado a Agustín Fernández Paz nunha randeeira".

Ana Buela escolle como a súa parte favorita unha á que está moi vinculada, a da exposición de traballos dos colexios. "Claro, porque cos centros escolares é cos máis relación teño", explica. "Pensa que, nada máis rematar o Salón deste ano, nos poñemos en contacto con eles para comezar a traballar no do ano que vén".

GAÑANDO TERREO. O espazo que se lle adica aos traballos que realizan os cativos nas escolas foi gañando terreo e este ano chegou a ocupar, máis alá do espazo central da sala de exposicións, outra estancia. "É que o crecemento na participación dos colexios foi expoñencial", conta Ana Buela. "Pasamos en poucos anos de 30 a máis de 50 centros e seguimos medrando porque temos mesmo escolas de Lugo interesadas en participar".

Buela destaca tamén a capacidade de traballo dos nenos, que sempre supera as expectativas. "Temos pezas feitas por cativiños de 3 anos. É incrible", di. "Pero, ademais, a exposición de traballos é unha das claves do éxito deste Salón, que, dende o seu nacemento, se entendeu como un evento participativo".

Paco Rivas é o técnico máis veterán do Pazo da Cultura. "Mis espacios favoritos del Salón do Libro son el auditorio y el teatrillo que hemos montado en la sala de exposiciones, porque son los lugares en los que yo más me muevo", comenta. "Pero, en realidad, a mí me encanta todo el Salón, todo, porque lo vivo y me apasiona esta propuesta". Rivas ten ademais un momento favorito do evento: "cuando los niños se quedan con mi nombre y empiezan a saludarme, hola, Paco, hola, Paco".

O do Recinto Feiral é un dos espazos que se incorporaron máis recentemente ao Salón. É o lugar favorito de Josiño Pintos. "É unha zona que está a funcionar moi ben, cun recuncho para os bebés, outro para as merendas...". É case como un complemento á actividade que se desenvolve noutros lugares do Salón. "Si, como unha zona separada máis tranquila. E onde está unha das propostas máis chulas, a do photocall".

As catro esquinas do Salón do Libro
Comentarios
ç