martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Cedofeita: 25 anos de orgullosa reivindicación da parroquia de Lérez

undefined
Exposición adicada ás mulleres. CEDOFEITA
A asociación sociocultural conmemora o seu cuarto de século inaugurando este venres unha exposición no Mosteiro de Lérez e presentando un volume que repasa a historia do lugar

Máis dun cento de fotos, recortes de prensa e documentos de distinto tipo forman parte da exposición Cedofeita, 25 anos de historia que se inaugura este xoves (12.00 horas) no Mosteiro de Lérez. "En realidade o aniversario foi o ano pasado", explica Xosé Álvarez Castro, da asociación sociocultural que protagoniza a actividade. "Como a pandemia non nos permitiu celebrar ningún acto, trasladámolos a 2021".

A mostra, composta por unha ducia de paneis e que se poderá visitar ata o 30 de agosto, funciona como unha memoria das iniciativas que o colectivo foi realizando ao longo do último cuarto de século: dende exposicións e roteiros a propostas de distinto tipo (presentacións literarias, charlas, representacións teatrais...) incluídas nos denominados Venres Culturais, que se celebran unha vez ao mes. "Estamos especialmente orgullosos da revista que editamos anualmente, que penso que se converteu nunha referencia pola súa seriedade, rigor e diversidade temática". Entre os autores que teñen asinado textos nela están a escritora e académica Fina Casalderrey (precisamente veciña da parroquia), o estudoso do mar Lino Pazos ou o profesor e escritor Arturo Sánchez Cidrás. "As exposicións que fixemos tamén foron moi importantes. Para min, a que lle adicamos ás mulleres da parroquia, das que máis. E penso que fomos pioneiros na cidade na realización de roteiros guiados, tanto de tipo ambiental e histórico como etnográfico". Pero, por enriba de todo, dende Cedofeita queren destacar que do que están máis orgullosos é "da colaboración que recibimos dos homes e mulleres da parroquia".

A mostra repasa as actividades realizadas polo colectivo: dende exposicións e roteiros a publicacións e coloquios

A asociación naceu en 1995 da man dun pequeno grupo de persoas, "arredor dunha ducia", ligadas ao movemento cultural e veciñal da parroquia de Lérez. "Todos pensabamos que sería positivo que existise unha asociacion que se encargase de poñer en valor a nosa historia e a nosa cultura, unha asociación que tamén traballase na defensa da lingua, tendo como epicentro a nosa parroquia, pero aberta a toda Pontevedra. Paréceme que máis ou menos cumprimos". Aquela ducia de socios, "que rapidamente se converteron en moitos máis", aumentou ata os 160 da actualidade.

CASTELO. O nome escollido para bautizar o colectivo foi Cedofeita. "É o nome dunha torre medieval que houbo en Lérez, unha especie de castelo que era e é bastante descoñecido". Hai historiadores que vinculan esta construción cun castro anterior, sobre a que probablemente foi levantada. Segundo a páxina web patrimoniogalego.net, tense constancia por vez primeira do castelo de Cedofeita no ano 916, nunha doazón do rei Ordoño II e a raíña Elvira ao abade Guntado do Mosteiro de Lérez.

Ademais de coa exposición, a asociación festexará o seu aniversario coa publicación, en colaboración co Concello, dun libro de autoría colectiva que coordinaron Xaime Iglesias, Xosé Luís Solla e o propio Xosé Álvarez Castro. Preséntase tamén este venres (20.00 horas). "É un libro de historia con maiúsculas", di Álvarez Castro. "E unha maneira de compartir coa sociedade todos os traballos de investigación que se viñeron realizando estes anos. Así que editamos unha historia de Lérez, de tipo científico, moi documentada, que vai dende os primeiros habitantes das mámoas da zona interior da parroquia ao papel destacado que xogou a parroquia no movemento agrario pasando pola importancia medieval que tivo o Mosteiro de Lérez. Rematámolo cunha semblanza de dez personaxes da parroquia".

Cedofeita: 25 anos de orgullosa reivindicación da parroquia de Lérez
Comentarios
ç