O CEIP Cabanas imponse no concurso escolar Consumópolis

Cómic gañador do primeiro premio. DP
Dous grupos de alumnos de 6º de Primaria gañan na súa categoría ► No certame participaron 900 escolares

Os teus actos poden cambiar o mundo. E ti como o farías? Este era o lema do concurso escolar Consumópolis, impulsado polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Educación para promover o consumo responsable entre o estudantado galego. No certame participaron o curso pasado case 900 escolares de toda Galicia que tiveron que deseñar, elaborar e presentar un traballo conxunto sobre consumo responsable, que consistiu nun comic. As temáticas na que se centraron os traballos presentados foron os dereitos como persoas consumidoras na publicidade e na etiquetaxe, os criterios e valores que entran en xogo na compra de produtos por internet ou en tenda física, no uso das redes sociais e no tempo de lecer e a seguridade no uso de produtos e servizos.

Os dous primeiros premios da categoría de 5º e 6º de Primaria recaeron no mesmo colexio: o CEIP Cabanas-Salcedo, de Pontevedra.

Son dous grupos de cinco rapaces que remataron 6º o pasado mes de xuño, titorizados pola mestra Cristina González. O primeiro foi para o equipo Responsables, polo seu traballo Problemas en rebajas e o segundo para Justicieros, por El problema del horno. "Consumópolis forma parte do Plan Proxecta -explica a docente-. A primeira parte do traballo constaba dun percorrido por unha cidade virtual onde se traballan conceptos de consumo responsable da vida real: as cousas que hai que ter obrigatoriamente á vista nun escaparate, como presentar unha reclamación se algo está estropeado, o dereito de ir a Consumo se na tenda non me aceptan a reclamación...". 

Unha vez superada esta parte virtual, feita na aula de informática, chegou o traballo en equipo: a elaboración dun cómic que reflectise unha situación de consumo responsable.

"A fase nacional á que acudiría o primeiro equipo gañador suspendeuse pola covid-19, pero nós seguimos preparando todo durante a cuarentena, cada un dende a súa casa e cos seus recursos para xuntar eu todo e envialo ao Instituto Galego de Consumo", engade González Brea.

MOTIVADOR. O concurso, subliña, resultou "moi motivante e positivo para o alumnado, por diversos motivos: ao tratarse dun traballo colaborativo resúltalles máis dinámico e ao ter unha primeira fase virtual cambiamos o traballo na aula na área de Ciencias Sociais por traballo dende a aula de Informática, e o formato de cómic como proposta final resultoulles tamén moi chulo, pois non é algo típico". 

Como mestra e coordinadora neste proxecto das dúas aulas de 6º a verdade tamén lle resultou "unha proposta innovadora e motivante, pero debo dicir que non resultou fácil poder entregalo coa corentena de por medio". Ese feito aínda fai que "sinta máis orgullo e admiración pola dedicación da cativada e polas gañas de rematar o que xa tiñamos empezado". 

O primeiro premio está dotado con 1.000 euros e o segundo con 600. A intención do colexio é investir estes cartos en tablets personalizadas para entregarlle a cada un dos dez escolares implicados, pois este era o premio final da fase nacional. "Ademais -apunta Cristina-, viranlles moi ben agora que xa están no instituto".