A comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Froebel espera que agora, por fin, sexa a definitiva e as pingueiras e inundacións no centro pasen á historia. Non chegou aínda o momento da tan ansiada terceira fase da reforma do edificio, pero si está organizada a actuación de urxencia comprometida para este verán co fin de que o próximo curso poida empezar con tranquilidade.
A Unidade Técnica da Consellería de Educación en Pontevedra e técnicos municipais visitaron onte o colexio para analizar o estado do mesmo e valorar as posibles intervencións que permitan solucionar este mesmo verán os problemas máis recentes do centro. En concreto, e xunto co director, Pedro Mariño, os arquitectos e aparelladores revisaron as baixantes e as arquetas para comprobar se había algún tipo de obstrución, así como os canlóns e cubertas.
Tras unha "exhaustiva inspección", informou a Consellería, o Concello de Pontevedra comprometeuse a proceder á limpeza de todos os faldóns de cubertas e canlóns. Pola súa banda, o departamento autonómico confirmou que acometerá unha reposición das baixantes da cuberta do patios, a reparación dos canlóns que o precisen e dos policarbonatos dos lucernarios. Así mesmo, repasarante as cumbreiras da cuberta central e aumentarase a sección das baixantes das cubertas para que recollan mellor a auga. A Xunta realizará estas obras unha vez o Concello remate os traballos de limpeza.
De xeito paralelo, subliña, o Goberno galego mantén "intacto o seu compromiso" co CEIP Froebel. De feito, lembra, estase a ultimar o proxecto da terceira fase da reforma, pendente desde hai once anos e, unha vez estea listo, iniciarase o proceso de licitación "co fin de executar a obra en 2024". O investimento rolda o millón de euros. Incluirá, entre outras actuacións, o cambio das cubertas, renovación de baños, instalación eléctrica ou pavimentos.
Colexio electoral
"Se o próximo 23 de xullo cae un chaparrón como o do outro día sería un serio problema", comenta o director do centro en alusión ao vindeiro domingo electoral. Dáse a circunstancia de que o patio interior do Froebel funciona como colexio electoral, polo que o vindeiro mes de xullo é posible que as votacións coincidan coas obras.
Pedro Mariño destacou, sobre todo, que "houbo moi boa sintonía" entre os técnicos das dúas administracións. "Subimos ao tellado para ver por onde entraba a auga". Todas estas actuacións previstas no verán deberían servir "para que en outubro non volvamos falar de que estamos así".
Ademais de repasar as obras que se comprometeu a executar cada administracións, apuntou que estas deberán "ter aproveitamento" coa futura reforma integral. En canto ao Concello, "para a semana que vén acordarán un orzamento e darán prioridade para empezar as obras", sempre "coordinando aspectos da loxística" coa Xunta.
Mariño lembrou que despois de "todo o follón de xaneiro", cndo o centro sufrira a primeira inundación do ano, "fixéranse obras do lado da rúa Martitegui e solucionouse o problema en gran medida". Nese lado "só hai pingueiras, pero non os ríos de auga do outro lado do patio cuberto", na zona da biblioteca, "onde non se fixera nada. Coa cantidade de vexetación e falta de mantemento, rebentaron as canalizacións e romperon as baixantes. Calquera chaparrón cae a chorro".
Desta volta a zona máis afectada foi "a de Educación Infantil, as mesas de ping pong e o material de Educación Física", que "non se tocara nas reparacións de urxencia do inverno". Agora hai que solucionar isto para empezar o curso con certa normalidade. O importante é que as dúas partes se poñen de acordo.