O CEIP Ponte Sampaio acada dous premios no certame Superlíderes de Educación

Aroa García e Andrea Fraguas, alumnas de tercero de Primaria, foron elixidas as mellores nas competencias de dirección e motivación

Alumnado de Ponte Sampaio coa conselleira de Educación, Carmen Pomar. CEDIDA
photo_camera Alumnado de Ponte Sampaio coa conselleira de Educación, Carmen Pomar. CEDIDA

Aroa García e Andrea Fraguas. DPAroa García e Andrea Fraguas, alumnas de 3º de Primaria do CEIP Ponte Sampaio, teñen superpoderes. Concretamente os de dirección e motivación, aínda que recibir un premio por iso non sería posible sen o apoio dos seus compañeiros de clase. Todos eles acudiron este martes a Santiago para participar na fase final de Superlíderes, o certame organizado con este nome pola Consellería de Educación, no marco do Plan Eduemprende, no que competiron máis de 80 escolares de toda Galicia.

O obxectivo do concurso, explicou o departamento que dirixe Carmen Pomar, era "fomentar, motivar e sensibilizar ao alumnado de 3º e 4º de Primaria no espírito emprendedor".

De feito, Pomar explicou que para acadar as competencias que cada participante demostrou ter é necesario "esforzarse moito para converter o talento natural nun superpoder". Neste sentido, comprometeuse a seguir afondando nesta iniciativa nos próximos cursos. Así mesmo, agradeceu o traballo dos docentes dos colexios participantes "por comprometerse con este programa piloto e poñer todo o seu esforzo para orientar ás rapazas e aos rapaces no camiño de descubrimento e reforzo dos seus talentos".

Os Superlíderes de Ponte Sampaio, un dos colexios máis pequenos de Pontevedra, traballaron seis competencias que practicaron e fortaleceron na aula: a motivación, o enxeño, a comunicación, a persuasión, a negociación e a capacidade de traballar e dirixir equipos.

Na fase final, o Día dos Superlíderes, seis deles defenderon en quendas de tres minutos unha solución ao retos propostos, intentando demostrar as destrezas de improvisación e resolución inmediata mediante as habilidades de liderado obxecto deste programa.

DOUS DE SEIS. O colexio pontevedrés recibiu dous dos seis premios posibles: o superdirector e o supermotivador. De feito, Aroa García volveu defender o seu reto diante do todo o salón de actos, con Pomar e os demais representantes da Consellería entre o público.

"Foi unha grande experiencia para o alumnado, que leva traballando todo o curso nestas habilidades -explicou o equipo directivo nun comunicado-. Todos se senten gañadores xa que participaron dunha actividade novidosa e rica en experiencias". Os escolares desenvolveron distintas actividades na EGAP ao longo da mañá e despois da entrega de premios foron gratificados persoalmente pola conselleira xunto coa titora.

O centro destaca o agradecemento da superdirectora á colaboración e apoio dos seus compañeiros de clase, "sen os que non sería posible que eu estivese hoxe aquí". O equipo directivo destaca "o esforzo, a dedicación e o traballo en equipo" deste grupo. "Estamos moi orgullosos".

Comentarios