O Ceip Ponte Sampaio presume dun novo mural

As campesiñas da batalla de Ponte Sampaio e as traballadoras de Pontesa protagonizan unha peza na que tamén destacan a Illa de Medal, os petróglifos de Chan das Cruces e o acueduto do Paredón ►Trátase da oitava obra desenvolvida pola Concellería de Educación no marco do proxecto 'O teu cole na historia'

Mural realizado por por Kike Mauricio e Carlos Taboada na fachada do CEIP Ponte Sampaio. CONCELLO
photo_camera Mural realizado por por Kike Mauricio e Carlos Taboada na fachada do CEIP Ponte Sampaio. CONCELLO

As campesiñas da batalla de Ponte Sampaio e as traballadoras da antiga fábrica de Pontesa son as protagonistas do oitavo mural realizado por Kike Mauricio e Carlos Taboada, do equipo creativo de Polo Correo do Vento, no marco do programa didáctico O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna, promovido pola Concellería de Educación co obxectivo de que os alumnos e alumnas dos colexios de Pontevedra coñezan o pasado dos seus centros e se identifiquen con eles.

Mural realizado por por Kike Mauricio e Carlos Taboada no CEIP Ponte Sampaio. CONCELLOCampesiñas da batalla de Ponte Sampaio no mural realizado por por Kike Mauricio e Carlos Taboada. CONCELLOTraballadoras da antiga fábrica de Pontesa no mural realizado por por Kike Mauricio e Carlos Taboada no CEIP Ponte Sampaio. CONCELLO

A intervención artística, efectuada no CEIP Ponte Sampaio, tamén reflicte a enorme beleza do escenario natural e histórico que rodea ao colexio, con elementos como a Illa de Medal (ou da Insuíña), os petróglifos de Chan das Cruces e o acueduto do Paredón, así como un paxariño moi representativo da fauna da parroquia: un picafollas europeo.

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, amosa a súa "enorme satisfacción cun proxecto que superou o seu ecuador e que está a ser recibido con entusiasmo polas comunidades educativas que participan nel". Ata a data, ademais de no CEIP Ponte Sampaio, Polo Correo do Vento xa ilustrou con obras pictóricas os muros dos CEIP de Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, o CEP Campolongo e a EEI de Verducido.

A Concellería de Educación tamén ten previstas intervencións nos CEIP San Benito de Lérez, San Martiño (Salcedo), Santo André de Xeve e Manuel Vidal Portela; o CEP Marcos da Portela, e a EEI Fina Casalderrey.

Comentarios