Celso Bugallo: "Nunca pensei en abandonar, xamais"

Celso Bugallo dálle vida a Fortuna, o único personaxe de 'El buen patrón' afastado da parodia. Auténtico corazón da película de Fernando León de Aranoa, Celso Bugallo volve poñerse nas mans do director que lanzou a súa carreira hai 20 anos con 'Los lunes al sol' e publica autobiografía
Celso Bugallo, esta semana, en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Celso Bugallo, esta semana, en Pontevedra. DAVID FREIRE

"ESTAMOS FELICES", di Celso Bugallo (Vilalonga, Sanxenxo, 1947). "A acollida da película está sendo extraordinaria". Fala de El buen patrón, o título que o acaba de devolver á gran pantalla da man de Fernando León de Aranoa, o home que lanzou a súa carreira, hai 20 anos, con Los lunes al sol.

Foi o quinto filme que fixo tras o seu debut no audiovisual, aos 52 anos e despois dunha vida dedicada ao teatro, en La lengua de las mariposas (1999), de José Luis Cuerda.

Afincado en Pontevedra dende hai anos, hoxe pode dicir que leva participado en 36 películas e ten traballado con directores como Manuel Gutiérrez Aragón ou Gerardo Herrero.

En 2005 gañou o premio Goya ao mellor actor de reparto pola súa interpretación en Mar adentro, de Alejandro Amenábar, título que aquel ano se fixo co Oscar ao mellor filme de fala non inglesa.

Fálase moito de que El buen patrón supuxo o reencontro entre León de Aranoa e Bardem 20 anos despois de Los lunes al sol. Tamén supuxo o reencontro deles dous con vostede. Foi algo especial?

Foi estupendo, realmente estupendo, dende o principio da rodaxe. Unha marabilla.

Foi fácil interpretar a Fortuna?

Foi moi fácil. Fortuna é un empregado que xa traballou para o pai do personaxe de Javier Bardem, Blanco, antes de traballar para el. Coñéceo moi ben, dende que era neno. É un mecánico axustador de primeira, como o era meu pai. Así que levaba case o 99% do personaxe dentro de min.

Poucas indicacións lle tivo que dar entón León de Aranoa.

Nese sentido, ningunha. Pero é que ademais Fernando e eu entendémonos perfectamente.

É a terceira vez que traballa con el despois de Los lunes al sol (2002) e Amador (2010).

Así é. Trabállase moi ben con el. Neste caso eu tiven uns 16 días de rodaxe, sempre con Javier Bardem. E xa che digo que foi unha experiencia fantástica. Foi unha moi bonito, moi satisfactorio, volver traballar cos dous. Con todo o reparto, en realidade. Foi unha das rodaxes máis felices que tiven ao longo de toda a miña carreira.

Xa que fala de Bardem. Impón moito traballar con el?

Para nada, é moi fácil traballar con el. Á parte, Javier é un actor extraordinario.

O seu personaxe en ‘Los lunes al sol’ era case unha antítese deste Blanco. Tamén o que fai vostede era moi diferente: aquel era un home machacado pola vida e este é un supervivente.

Este é un empregado fiel, cumpridor, que vive unha situación moi dramática. A partir desa circunstancia, descubre quen é realmente o seu patrón. Porque ese personaxe, que é o típico herdeiro de toda unha fortuna, ten como unha dobre faciana. Nunca fi xo nada por gañar a vida. Simplemente está aí. E o único que lle interesa é seguir estando, manter a produción da súa fábrica. Se para iso ten que botar un tipo á rúa, bótao sen contemplacións. De todo corazón, pero bótao.

É unha peli divertida, pero dura.

É unha película con humor, porque o director xogou con iso para falar desa dobre cara que existe no mundo, tanto a nivel social, como político, como económico, como cultural. É como se a sociedade non puidese funcionar ben se non hai polo medio un chisco de delito. Eu cheguei a falar con Fernando sobre isto. Porque usar o humor para refl exionar sobre todo isto é como encubrilo. Pero el estaba convencido de que o espectador se dá perfecta conta do que se narra, dese aspecto maligno, e cre que a comedia axuda a dixerilo.

O seu personaxe funciona case como un contrapunto ao resto da historia, moi paródica.

Fortuna permanece un pouco ao marxe da comedia. É un personaxe serio no medio de todo.

A estrea da película coincidiu coa presentación da súa autobiografía.

Aínda non se publicou, pero aí está. Sácaa a Fundación Aisge, a asociación de actores e intérpretes que preside agora Emilio Gutiérrez Caba, antes Pilar Bardem. Esta fundación é unha institución tremendamente valiosa e necesaria. O traballo que fai é moi importante. Por exemplo, axudando a actores e actrices que non teñen unha boa situación económica. A delegada en Galicia, que é Isabel Blanco, foi a que me falou da posibilidade da autobiografía. Eu tiña moitos textos escritos e podía conferirlle unha orde, pero ela foi realmente a que o moveu todo. Axudoume tamén moito Paulo Conde. Está dividida en catro partes: teatro afeccionado e independente, teatro profesional, cine e televisión e recomedacións para a xente nova. Presentámola no Festival de Ourense, xunto coas memorias de Manuel Lourenzo, Xan Cejudo e Pirula Expósito. E agora sigo escribindo. Porque me gusta moito. Aínda que son un pouquiño vago. 

Fíxome moi feliz facer El buen patrón. Volver coincidir con León de Aranoa e Bardem foi moi bonito

Nese libro conta que foi ver a James Dean en ‘Rebelde sen causa’ o que levou a dedicarse a isto.

Aínda que a miña relacion coa interpretación non empeza ata os 22 anos, eu con 16 vin a este rapaz e quedei fascinado. Impresionoume moitísimo. Pero en ‘Rebelde sen causa’ e nas tres películas que fixo. Porque en ‘Xigante’ estaba extraordinario. Infl uíu moito en min, nun neno que viña dunha pequena aldea de Galicia que acababa de trasladarse a Bilbao. Foi providencial que a familia marchara para alí. Se quedaramos aquí, a miña vida igual era moi distinta. Quen sabe.

Pero onde empezou a facer teatro foi en Logroño.

Si, porque, por cuestións de saúde, miña nai prefi re que nos mudemos a Logroño, onde meu pai ía traballar todas as semanas. Eu fun con eles máis tarde, despois de recuperarme dunha afección pulmonar nun sanatorio de Bilbao. Cando cheguei alí non estudaba nin traballaba. Andaba pola rúa. E unha veciña nosa, Maite, foi a que me dixo que a acompañara aos ensaios do seu grupo de teatro. Alí empezou todo, da man dunha directora que se chamaba Amparo Ros, que nunca esquecerei porque foi a miña primeira profesora.

Chegou a ir aos Estados Unidos a estudar interpretación.

Fun porque era un soño que tiña. Quería ir ao Lee Strasberg Institute, porque alí estudaron Robert de Niro e Al Pacino, por exemplo. Non para aprender nada, que eu xa tiña 50 anos, senón porque era unha ilusión. Aforrei algúns cartos, porque me custou moito diñeiro, e fun alá tres meses. Ía ás clases só por estar alí. Foi fenomenal cumprir ese soño. Non quería que iso acabara por ser un pesadelo na miña vellez. Nin iso nin outra cousa. Estou tranquilo coa miña vida.

Cal diría que foi o peor momento da súa traxectoria? Non sabería dicirche...

Nunca estivo a punto de tirar a toalla, por exemplo? A min esta profesión só me trouxo satisfaccións. Nunca pensei en abandonar, xamais. Sempre hai momentos difíciles, agora estamos pasando por un deles, pero nunca se me pasou pola cabeza deixalo, coller a guitarra e poñerme a tocar polas prazas. Que va. Cando chegan eses momentos estou en Pontevedra, tranquilo, na casa ou tomando unha cervexa.

E o mellor momento?

Pois esta última película con Fernando e con Javier. Fíxome moi feliz. Agradecereillo toda a vida a Fernando.

Non escolle a noite do Goya?

Ah, esa noite tamén foi marabillosa. Sobre todo, porque houbo un recoñecemento colectivo á película. Alí estabamos os galegos todos, Mabel Rivera, Tamar Novás... máis felices que ‘la hostia’.

A película
Tras pasar polo Festival de San Sebastián, El buen patrón’estreouse nas salas comerciais o 10 de outubro.

Dirixida por Fernando León de Aranoa supón o seu reencontro con dous dos actores principais de Los lunes al sol, a película que rodou en Galicia hai 20 anos: Javier Bardem e Celso Bugallo.

A película foi elixida pola Academia de Cine para representar a España na carreira polas candidaturas aos Óscar.

Comentarios