Varela: "Son consciente das miñas influencias, pero pinto desde o corazón"

E de socato... o mar. Despois de case catro décadas nas que os retratos e a natureza do seu Briallos natal centraron a súa sensibilidade, o pintor portense xirou improvisadamente cara a costa nunha experiencia tan positiva que podería conducilo cara unha nova serie de obras de inspiración mariña
O pintor Celso Varela no seu estudio de Pontevedra
photo_camera O pintor Celso Varela no seu estudio de Pontevedra

ROMA VOLVERÁ A EL. Celso Varela agarda impaciente por unha nova exposición nunha galería italiana na que, presumiblemente, os seus retratos serán o tema principal. 

Por que os retratos?
Ao galerista gustáronlle particularmente as miñas figuras e a forma de captalas, segundo puiden deducir dos seus comentarios. Ao final, o 50 por centro dos cadros é o retratado e o outro 50, o pintor. 

Que supón para vostede participar en galerías do estranxeiro?
Expuxen dúas veces na galería Leonardo en París hai uns anos a nivel individual. Tamén tiven 50 obras todo un mes de xullo no museo Cervantes, na Piazza Nabona. Regresar a Roma da man dun galerista que levará á exposición a xente dos seus círculos vai ser un soño para min, que son un home que naceu na aldea, no mellor sentido da palabra. 

E iso, a súa aldea, Briallos, nótase na súa pintura...
Crecín rodeado desas cores e deses olores e iso marca de por vida. A semana pasada decidín ir pintar o mar por primeira vez. Que vivise tan preto del e nunca collera o cabalete para captalo indica a miña atracción pola aldea. Pero creo que non vai ser a única vez, porque me gustou a experiencia. O tempo que tivo que pasar! Un sempre se da sorpresas a si mesmo. 

"Crecín rodeado desas cores e deses olores e iso marca de por vida e a semana pasada decidín ir pintar o mar por primeira vez"

Como lle deu por pintalo agora?
Levábao pensando moito, pero eu son unha persoa que traballa por inercia e levaba moito tempo pintando na aldea. Moitas das cousas que ocorren son por azar e logo decátaste e pensas por que non as farías antes. Pode ser unha nova saída. Xa que tamén é algo moi meu, pois cando era un rapaz vivín en Vilagarcía, a 40 metros da praia. 

Volvendo aos retratos, hai algún que desexe particularmente?
A moitas persoas, pero canto a personaxes públicos, gustaríame pintar ao Papa Francisco. É máis, gustaríame aclarar que hai uns días na sección ‘Te acuerdas de’, o autor dicía que me daba exactamente igual que falecese tanto el coma Messi, Madonna e Mariano Rajoy…. Debo dicir que esas palabras non só non son miñas, senón que ademais non é un pensamento que comparta de ningunha maneira, xa que lles desexo longa vida a todas esas persoas. Concretamente, ao Papa Francisco téñolle unha grande admiración e un profundo respecto. 

Pensou nas súas influencias, é consciente delas?
Sempre me atraeu moito a pintura francesa, pero cando estou no campo, interiormente non me digo ‘vou pintar coma Manet’. Pinto coma me sae de dentro. Co paso do tempo fun desenvolvendo o estilo, coma os nenos que ao principio son torpes ao copiar as letras nos cadernos e logo se van soltando. Chega un momento que tes a túa propia letra. Son consciente das miñas influencias, pero cando estou a pintar, pinto o que me sae do corazón. 

Que influencia teñen os seus seres queridos no seu traballo?
É fundamental ter unha parella que comparta a túa paixón. As mulleres dos artistas teñen que ser especiais…... O artista vive na constante anarquía e improvisación. Miña nai, meu irmán…... Chantaxeaba as miñas sobriñas ou a miña filla con caramelos para que non escapasen cando as quería pintar de pequenas... Eles formaron o meu pouso.

Comentarios