jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Un cento de persoas maniféstase pola sanidade pública en Pontevedra

Concentracion na Peregrina a favor da sanidade publica. GONZALO GARCÍA
Concentracion na Peregrina a favor da sanidade publica. GONZALO GARCÍA
Piden á Xunta un "reforzo efectivo" do Sergas e ao Goberno central "máis control" cara aos recursos derivados ao Executivo autonómico 

Ao redor dun cento de persoas participaron na Praza da Peregrina de Pontevedra nunha concentración convocada por varios sindicatos para defender a sanidade pública, ademais de para reclamar a derrogación das leis "privatizadoras". 

Esta protesta foi convocada pola Confederación Xeral do Traballo (CXT) de Galicia, o Sindicato de Profesionais da Sanidade Galega Pública (PROSAGAP) e o Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia (STEG). 

Na lectura do manifesto, o secretario xeral da CXT en Pontevedra, Miguel Ángel Cuña, esixiu "a blindaxe do Sistema Nacional de Saúde de calquera interese privado". 

A mobilización, impulsada desde a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade a través da campaña 'Nunca máis mortes evitables, nunca máis privatizacións', celebrouse tamén en Vigo, A Coruña, Ferrol, Allariz e en diversas localidades do resto de España. 

Entre outras demandas, as protestas reivindicaron a anulación da Lei 15/97 e o artigo 90 da Lei Xeral de Sanidade, argumentando que "o colapso e a falta de resposta do sistema ante a crise do covid non son gratuítos", senón o "resultado" dun proceso privatizador implantado "desde hai décadas", explicou Cuña. 

Unha Atención Primaria centrada na "saúde colectiva", o "rescate de todo o privatizado", unha sanidade "universal" allea á situación administrativa dos usuarios e a creación dunha "industria sanitaria e farmacéutica pública para evitar escándalos na repartición das vacinas" son outras das reclamacións destes colectivos. 

Ademais, piden "coidados con dignidade" para as persoas maiores fronte á "situación dramática nalgúns centros" e a posta en marcha dun sistema sanitario "centrado nos determinantes sociais da saúde e a enfermidade". 

Miguel Ángel Cuña insistiu en que estas demandas, acordadas con máis de 200 colectivos de ámbito estatal, están enfocadas a frear o "espolio" da sanidade pública e botar "fóra" ás empresas" pola "incompatibilidade entre o público e o privado", asegurando que "cando o lucro entra pola porta, a saúde sae pola xanela".

PROFESIONAIS SANITARIOS. Pola súa banda, a portavoz de Prosagap, María Torre, sinalou que os profesionais sanitarios resultaron "moi afectados" o desenvolvemento do seu traballo por mor da redución de orzamentos e a falta de persoal e recursos, repercutindo nun "esforzo por sacar adiante esta pandemia". 

No entanto, precisou que a crise sanitaria non é o único motivo senón "o colofón a unha chea de anos de mala xestión" que evidenciaron "como afecta na sanidade pública a entrada da empresa privada e como esta empeza a beber dos recursos" que paga a cidadanía. 

Do mesmo xeito, a delegada de STEG, Belén Asensi, instou á Xunta a realizar un "reforzo efectivo" do Sergas con máis unidades de coidados intensivos, máis persoal sanitario "en condicións dignas" e unha mellora da Atención Primaria. 

Tamén se dirixiu ao Goberno central para que exerza "máis control e rendición de contas por parte da Xunta sobre as partidas económicas asignadas para afrontar o covid", ademais de reclamar un "plan de reconversión do sistema sanitario e de ensino" que, xunto coas pensións, "non se poden deixar en mans do sector privado porque supón asumir que os dereitos son só para os que os poden pagar", engadiu. 

Belén Asensi advertiu que "o covid pasará e virán outras doenzas, pero as consecuencias das políticas privatizadoras van seguir estendéndose como un cancro", polo que fixo un chamamento a frear o neoliberalismo argumentando que "se non lle atopamos unha vacina, o interese duns poucos imporase sobre o ben común", urxindo así a "crear un modelo económico e social baseado nuns bos servizos públicos". 

Durante a concentración proxectáronse vídeos explicativos sobre a evolución histórica na xestión política e lexislativa do ámbito sanitario, tanto a nivel estatal como nas distintas comunidades autónomas.

DENUNCIA CONTRA MANIFESTACIÓN DE VOX. Aínda que non se rexistraron incidentes, desde a CXT anunciaron que denunciarán á Subdelegación do Goberno en Pontevedra por autorizar no mesmo espazo e de forma simultánea a mobilización organizada por estes sindicatos e unha mesa informativa de Vox. 

"Contramanifestaciones e provocacións, non", criticou un simpatizante da CXT, tachando a este partido de "presenza indesexable" e queixándose da actitude da Policía por instar os sindicalistas a darlles máis espazo. 

Un cento de persoas maniféstase pola sanidade pública en Pontevedra
Comentarios
ç