Centos de persoas axudan a Benito Soto a desembarcar en Pontevedra

Centos de persoas axudan a Benito Soto a desembarcar en Pontevedra

«Somos piratas ou que somos?», berraba Benito Soto onte á noite pola rúa Michelena. O personaxe da Moureira volveu protagonizar a Noite Pirata de Pontevedra, un evento que se tiña que ter celebrado o Martes de Entroido e que o mal tempo obrigou a adiar ata onte. Igualmente centos de persoas acompañaron ao corsario neste particular desembarco no que el e a súa tripulación, sanguinarios criminais na realidade, se converten en heroes que defenden a capital da provincia do ataque de soldados franceses e ingleses, dispostos a conquistar a vila para ofrecérllela a Napoleón, os primeiros, e á Raíña Victoria, os segundos.

As agrupacións Troula e Combrus volveron facerse cargo da animación dun espectáculo, que este ano presumíu, por primeira vez, dunha frota construída integramente por agrupacións locais. Á recreación do Burla Negra, que sae da Praza de España, do Trois Mers, que sae de Benito Corbal, e do Morning Star, que sae de Méndez Núñez, sumáronse nesta edición tres pequenas novas embarcacións.

Pasadas as dez da noite, comezou a festa. Os barcos empezaron a desprazarse pola cidade acompañados do seu particular séquito. O que máis público moveu, como é habitual, foi o de Benito Soto, pirata heavy metal, que lle pedía "cornos "ao público como se estivese nun concerto, entre a batucada e o show pirotécnico que o acompaña. «Pontevedra, quero ver eses cornos piratas arriba!».

Os soldados ingleses foron os primeiros en ocupar posicións na Ferrería, punto de encontro para a batalla final. Seguíronlle os franceses. Mentres o da Moureira chegaba, eles quentaron o ambiente facendo ruído e bromas para o público. Un pouco antes das once da noite aparecía Soto.

Trala contenda, da que o corsario saíu un ano máis vencedor con axuda dos nenos, a festa continuou pola rúa da man das comparsas Os da Caña, Solfamidas, Las Flores del Carnaval, Os 100 Tolos, Os Paparrulos, Os Canecos, Amoriños de Bora, Olodum do Coio, Vamos a Todo e Equipo Ja.

 

Comentarios