Centos de volumes usados buscarán unha segunda vida na troca do Salón do Libro

Once colexios, institutos e Anpa recollen exemplares que se intercambiarán o 7 de abril

David Castro con algúns dos exemplares recollidos no seu centro. CEDIDA
photo_camera David Castro con algúns dos exemplares recollidos no seu centro. CEDIDA

PONTEVEDRA. Once entidades, entre colexios, institutos e ANPA, participan na Feira do Libro Usado, que aínda que se celebrará o vindeiro 7 de abril no Pazo da Cultura, xa botou a andar coa recollida de volumes de segunda man nos centros educativos. A iniciativa enmárcase no XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

O director do IES Torrente Ballester, David Castro, explicou onte que este centro, que agora coordina a iniciativa, acolleu hai dous anos a primeira edición da feira e daquela trocáranse máis de 500 libros. "Funcionó muy bien". Tanto que se lle propuxo ao Concello "llevarla a un espacio público" coa participación doutros centros educativos e celebrala nunha fin de semana, como se tiña feito en Marín. "Nos ofrecieron integrarla en la programación del Salón do Libro y nos pareció bien".

Os institutos e ANPA que colaboran son: CEIP Vilaverde-Mourente, CEP Marcos da Portela, CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, EEI Concepción Crespo Rivas, IES Gonzalo Torrente Ballester, ANPA do CEIP Marcón, ANPA O Milladorio (CEP Marcos Portela), ANPA Xocas (IES Frei Martín Sarmiento), ANPA Helenes (IES A Xunqueira II) e ANPA O Pino (IES Gonzalo Torrente Ballester).

Todos eles levan desde a semana pasada recollendo os libros usados. "Aquí -no Torrente- tenemos ya más de 200 y en el Vilaverde también van a muy buen ritmo, aunque la mayoría los trae la última semana".

O obxectivo é proporcionar aos membros da comunidade educativa -alumnado, profesorado, familias e persoal non docente- a oportunidade de intercambiar aqueles libros que, por distintos motivos, xa non son utilizados polos seus donos. A única condición é que os volumes que se acheguen estean en condicións de ser reutilizados.

Deste xeito, recóllense desde novelas ata cómics, contos infantís ou xuvenís, enciclopedias, libros de texto e mesmo "manuales de electrónica", por poñer algún exemplo.

Por cada libro entregado recibirase un vale, que se poderá trocar o día da feira por outro volume. Cantos máis vales, máis libros. Serán válidos en calquera dos postos dos diferentes centros e ANPA.

A idea, en principio, era implicar a toda a comunidade educativa, pero "después pensamos en por qué no ampliarlo al resto de la gente", sinala Castro.

Deste xeito, difundiuse nas redes sociais un vídeo no que animan á cidadanía a unirse a esta iniciativa. "Todo el mundo que quiera participar deberá llevar sus libros a cualquiera de los centros participantes para recibir los vales".

GRAN VARIEDADE. A data límite para que as persoas interesadas acheguen os seus volumes será o venres 5 de abril. A troca celebrase o domingo 7, de 11.00 a 14.00 horas, no Pazo da Cultura. Alí poderanse canxear os vales por outros libros. Castro apunta que os máis madrugadores poderán levar os mellores exemplares para a súa casa. Entre a variada oferta "te encuentras con libros muy buenos: novelas actuales, literatura juvenil... Nos llegaron dos ilustrados de Kalandraka preciosos, por ejemplo. Esos son los que antes vuelan".

Durante o desenvolvemento desta actividade, a escritora Ledicia Costas –creadora de Escarlatina, a cociñeira defunta ou da Señorita Bubble- asinará exemplares das súas obras.

Comentarios