A centralidade do espazo público en clave local, protagonista da nova edición de Urbtopías

Arquitectos internacionais como David Sim e Ola Gustafsson, expertos en paisaxe sonora como Jean-Paul Tibaud e xornalistas como Ana Pardo de Vera e Gonzo participarán nos foros programados en abril e maio na igrexa de Santa Clara
Presentación de Urbtopías. RAFA FARIÑA
photo_camera Presentación de Urbtopías. RAFA FARIÑA

David Sim, Ola Gustafsson, Teresa Táboas, Ana Pardo de Vera, Xosé Buxán e Joana Meneses son algúns dos ponentes que participarán na vindeira edición de Urbtopías, un "punto de encontro para reflexionar e debater sobre o futuro dos espazos que habitamos e converter as nosas Urbtopías en cidades posibles". A concelleira de Promoción da Cidade e alcaldesa en funcións, Anabel Gulías, presentou esta mañá na Praza do Hospital a programación, que se desenvolverá os mércores 12, 19 e 26 de abril, e máis o 5 de maio, na igrexa do Convento de Santa Clara. Todas serán ás 19.00 horas e estarán abertas ao público.

A idea é "aproveitar a referencialidade de Pontevedra" despois de que a capital estivera representada en distintos lugares do mundo. "Urbtopías nace da necesidade de falar tamén en clave local, de reflexionar e coñecer outras experiencias que acontecen no mundo e traballar por un mundo mellor", destacou Gulías precisamente nun contorno gañado ao tráfico rodado que se erixe como exemplo do aproveitamento do espazo público.

Cada unha das sesións está dedicada a unha temática. A primeira, Paisaxe sonora e cidade, aposta por repensar o espazo urbano a través da escoita. A xornalista Carolina Neira moderará un foro protagonizado por Jean-Paul Thibaud, sociólogo e doutor en Urbanismo e Desenvolvemento, investigador no Cresson de Grenoble e fundador da rede internacional Ambiances; Xoán-Xil López, doutor en Belas Artes, musicólogo, artista sonoro e investigador e confundador de escoitar.org, colectivo dedicado ao estudo da paisaxe sonora e a auralidade, e Luis López Alonso, membro do grupo de investigación Grades e profesor de Tradución e Lingüística Xeral na Universidade de Vigo.

A cidade creativa será a temática do debate do 19 de abril e nela falarase de "como a cidade xera actividade económica e importantes sinerxías e dinámicas", apuntou a concelleira. Participarán María Yáñez, xornalista en medios dixitais, directora da revista Vinte e asesora de comunicación e contido especializada en cinema; Joana Meneses, licenciada en Arte e Patrimonio, mestra en Xestión do Patrimonio Cultural e coordinadora executiva de Braga 25-Capital Portuguesa da Cultura, e Xosé Manuel Buxan Bran, decano de Belas Artes, crítico de arte e editor. Modera a xornalista Marta Gómez.

O periodista e presentador de Salvados Fernando González Gonzo será o moderador do foro do 26 de abril, A cidade suave: un contorno a escala humana, un título en homenaxe "ao gran arquitecto do espazo público", o danés Jan Gehl. Virá, subliñou Gulías, "o seu segundo de a bordo", David Sim, que xa participara na Placemaking Europe en 2022 e "ficara namorado do que aquí facemos". Referente na planificación da habitabilidade urbana e da sustentabilidade, compartirá debate con Ola Gustafsson, exdirector de proxectos en Gehl, arquitecto urbanista en proxectos complexos en todo o mundo e especialista na dimensión humana da planificación. Completarán este foro o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a doutora en arquitectura Teresa Táboas, membro do Consello de Unión Internacional de Arquitectos.

A última charla dálle unha volta ao concepto, poñendo a un experto na materia, Jorge Rodríguez Álvarez, profesor de Urbanismo e Ordenación do territorio da Escola de Arquitectura da Coruña, a moderar unha mesa composta por periodistas. En Xornalismo urbano: unha narrativa sobre a cidade, participarán Ana Pardo de Vera, directora de Relacións Institucionais de Público; Silvia Intxaurrondo, directora e presentadora de La hora de La 1 en TVE; Rodrigo Cota, escritor e guionista, e Ramón Rozas, xornalista cultural de Diario de Pontevedra. A idea é abordar "o que implica a transformación urbana e como se traslada desde os medios de comunicación", sinalou Gulías.

Comentarios