Nove centros iniciarán os obradoiros de formación en método científico en febreiro

A primera actividade de Pontenciencia, que se celebrará os días 27 de 28 de maio, estará destinada tanto a escolares como ás familias
Tres alumnas participan nunha presentación da pasada edición de Pontenciencia.
photo_camera Tres alumnas participan nunha presentación da pasada edición de Pontenciencia.

A Concellería de Educación porá en marcha o vindeiro mércores 2 de febreiro nos CEIP de Marcón e San Martiño (Salcedo) os Obradoiros de Formación en Método Científico cos que se inaugurará o programa de actividades deseñado no marco da IX Feira da Miniciencia de Pontevedra: Pontenciencia 2022, cuxa celebración está prevista para os días 27 e 28 de maio na Escola de Enxeñería Forestal, segundo informou este xoves nun comunicado.

Un ano máis, o proxecto impulsado polo departamento que dirixe o socialista Tino Fernández en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e o Ministerio de Ciencia, dentro da convocatoria de axudas para a promoción da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, pretende ensinar a pensar e fomentar mentes curiosas, exploradoras e comunicativas a través da investigación.

Segundo explica o tenente de alcalde e edil de Educación, "nesta primeira fase desenvolveranse dous tipos de talleres: os destinados a escolares de 5º e 6º curso de Educación Primaria que participan no programa cos seus centros educativos, que se realizarán dentro da aula en horario lectivo; e os orientados ás familias que queiran tomar parte en Pontenciencia cos seus fillos de Primaria (7-12 anos), convocados a través das Anpa en horario de tarde".

Organizarase unha sesión de Formación en Método Científico por clase participante de 5º ou 6º curso. Nelas poderán aprender unha metodoloxía de investigación aplicable a calquera ámbito social, económico ou ambiental.

A finalidade destes obradoiros é explicarlles a pais e alumnos como realizar unha investigación, o protocolo a seguir de maneira lóxica e organizada e como conseguir que os resultados sexan reproducibles e confiables. Ao mesmo tempo, pretenden facilitar a participación na feira e a comprensión e valoración persoal de outros proxectos.

Ata o momento xa reservaron data para a impartición destes talleres nove centros educativos do municipio: ademais dos CEIP de Marcón e San Martiño, os de Santo André de Xeve, A Xunqueira II, Ponte Sampaio e os Plurilingüe San Benito de Lérez e Froebel. Pechan a relacióno CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús e un instituto de FP, o IES Montecelo.

Obxectivos. Tal e como subliña Tino Fernández, "Pontenciencia continúa a ser, a pesar da pandemia, un dos programas estrela da Concellería de Educación, ao contribuír a fomentar a cultura científica e a xerar bases para un futuro liderado científico e tecnolóxico nos e nas participantes directos (alumnado, profesorado, familiares...) e, dun modo xeral, no público asistente ou virtual".

Os obxectivos de Pontenciencia, engade, "contribúen amplamente ao cumprimento dos marcados no Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación, e especificamente, no que se refire ao seu Programa Estatal de I+D+i Orientado aos Retos da Sociedade (que promove a procura de ideas, coñecementos e tecnoloxías novidosas), conflúen neste proxecto o sector da investigación pública e privada cos participantes máis novos e o público en xeral".

Entre os seus obxectivos secundarios atópase tamén achegar a actividade investigadora e a ciencia á sociedade, contribuíndo a crear unha relación máis directa entre os investigadores, as empresas colaboradoras e o público en xeral.

Comentarios