Cerámica, biodiversidade e experimentos nos obradoiros de Pontenciencia

Alumnos do IES Luis Seone de Monte Porreiro, o CPR Sagrado Corazón de Jesús e o Plurilingüe San Benito de Lérez gozaron aprendendo este mércores coas actividades da Feira da miniciencia
Obradoiro de cerámica. DP
photo_camera Obradoiro de cerámica. DP

Obradoiro de cerámica. DPOs centros educativos pontevedreses continuaron este mércores coas actividades enmarcadas dentro da celebración esta semana de Pontenciencia, cun formato axeitado ás restricións derivadas da pandemia e baixo o lema ‘Que o coñecemento non pare’. No IES Luis Seone de Monte Porreiro desenvolveuse un obradoiro de 'Cerámica Prehistórica e Exhibición do Lume', mentres que no CPR Sagrado Corazón de Jesús celebrouse outro denominado ‘Liques como indicadores da biodiversidade dos bosques’. Pola súa banda, no CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez o taller tiña por título 'Náufrago: espectáculo teatral de divulgación científica'.

No primeiro caso, os alumnos do IES Luis Seoane de Monte Porreiro aprenderon a realizar un cacharro cerámico prehistórico individualmente a través da técnica dos churros, á vez que aprenderon a realizar lume mediante unha exhibición.

Obradoiro PontencienciaNo segundo,  o obxectivo da proposta é comparar a diversidade liquénica en dúas formacións arbóreas frecuentes en Galicia: un bosque autóctono, por exemplo unha carballeira, e un cultivo forestal, por exemplo un eucaliptal, para confrontar a biodiversidade destas dúas comunidades. Os estudantes do CPR Sagrado Corazón de Jesús aplican unha fórmula chamada índice de biodiversidade liquénica ou ibl que se adapta e simplifica para esta actividade.

PontencienciaPor último, a finalidade do obradoiro do CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez é despertar a curiosidade e a imaxinación do público cos experimentos, disparatadas ocorrencias e inventos duns científicos tolos, á vez que se aprende que é unha reacción química, a electricidade estática, a terceira lei do movemento de Newton, a diferencia de presión ou os estados da materia.

A semana de Pontenciencia 2020 ou VII Feira da miniciencia, impulsada pola Concellería de Educación e subvencionada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) do Ministerio de Ciencia e Innovación, inclúe no programa desta edición unha oferta de actividades con temáticas do máis variado.  O programa componse de obradoiros individualizados que se están a desenvolver na Escola de Enxeñería Forestal e noutros dez centros educativos: IES Luís Seoane, CFEA Lourizán e os colexios CPR Sagrado Corazón de Jesús, CEIP Froebel, San Martiño, Praza de Barcelos, Parada-Campañó, San Benito de Lérez, A Xunqueira II e o CEP Marcos da Portela. Son actividades individualizadas para cada grupo participante ás que asistirán un máximo de 25 estudantes.

Comentarios