O cerco policial aos desenfreos nas terrazas tradúcese nunha ducia de multas

O bo tempo e as ansias por reencontrarse con amigos e familiares volveron ateigar os principais enclaves de lecer da cidade
2020051711371634608
photo_camera Cidadáns disfrutando este sábado das súas consumicións nunha rúa da cidade. DAVID FREIRE

A subdelegada do Goberno advertiuno a mediados desta semana, nada máis comprobar a irresponsabilidade de moitos hostaleiros e os seus clientes no primeiro fin de semana da fase 1: "Haberá contundencia policial contra os incumprimentos das mínimas medidas de seguridade nas terrazas".

E a falta de efectuar un balance completo de toda a semana, os primeiros datos revelan que ese cerco ás actitudes incívicas e aos desenfreos traduciuse nunha ducia de sancións, principalmente a clientes por non respectar a distancia de seguridade. O importe de cada unha: 250 euros.

En Pontevedra, a Policía Local denunciou a dous clientes de dous negocios por non acatar esas directrices de salubridade: un o luns e outro o venres.

Por contra, non se rexistrou (polo menos ata este sábado) ningunha multa en Pontevedra a negocios de hostalería. Nestes primeiros días de fase 1, as infraccións máis habituais detectadas noutras localidades foron non respectar o aforamento máximo ou a distancia social, servir no interior do negocio, carecer de permiso de terraza ou colocar máis veladores dos permitidos. Ningunha delas se detectou na cidade.

Non ocorreu así en Vigo, onde a mediados de semana se rexistrou a primeira sanción ao dono dunha cafetería por desobedecer, reiteradamente, as normas que regulan o uso das terrazas. O alcalde olívico, Abel Caballero, foi taxativo: "Cumprirán a normativa polas boas ou polas malas, e espero que sexa polas boas".

En calquera caso, fontes da Policía Local aclararon este sábado que, en liñas xerais, os pontevedreses están mostrado unha actitude cívica e responsable, acatando as instrucións de seguridade. De feito, o bo tempo e as ganas de volver reencontrarse con familiares e amigos encheron numerosas terrazas da cidade. Iso si, máscaras, moi poucas.

Comentarios