Cervexa e salchichas para despedir outubro

A Outubrofest bota a andar ata o vindeiro día 1 cunha ampla programación e con opcións veganas e sen glute ▶ A birra, a prezo popular
Autoridades e representantes do Pontevedra Rugby Club, na apertura da Outubrofest. DAVID FREIRE
photo_camera Autoridades e representantes do Pontevedra Rugby Club, na apertura da Outubrofest. DAVID FREIRE

A Outubrofest regresa a Pontevedra. E faino ao grande. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o edil de Benestar Social, Marcos Rey, e representantes do Pontevedra Rugby Club (PRC) protagonizaron este venres na carpa instalada na Praza de España o brinde inaugural do evento. Ao acto tamén asistiron o deputado socialista Guillermo Meijón, a senadora Marica Adrio, a parlamentaria Paloma Castro e outros compoñentes da Executiva Municipal do PSOE.

Blanco animou a toda a cidadanía "a refuxiarse do mal tempo nesta carpa do Outubrofest, a brindar cos amigos e a familia coa mellor cervexa do mundo, a desfrutar de música en directo e de sesións wermout, a poñerse as botas con manxares da gastronomía xermana como as salchichas Frankfurt e Bratwurst e o tradicional codillo asado en forno de leña e, de paso, a axudar economicamente a un equipo tan senlleiro da nosa cidade como o Pontevedra Rugby Club".

Un posto de comida da Outubrofest. DAVID FREIRE
Un posto de comida da Outubrofest. DAVID FREIRE

"Este ano hai ademais opcións para tódolos gustos, xa que se incorpora un menú vegano e sen glute, e se manteñen os prezos de edicións anteriores, polo que coido que non hai mellor plan para pasar esta longa fin de semana de Samaín que pasarse por esta festa bávara por excelencia, case a calquera hora do día", apuntou a edil de Promoción Económica.

A Outubrofest permanecerá aberta durante cinco xornadas, en horario de 12.00 a 00.00 horas, salvo no vindeiro 1 de novembro, no que o peche das instalacións se adiantará ás 21.00. En canto aos prezos, os perritos custarán tres euros, a salchicha dun metro acompañada de chucrut ou ensalada terá un valor de 13 euros, medio libro de cervexa rubia e de trigo terá unha tarifa de catro euros e a tostada a cinco euros.

Comentarios