Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

"A Deputación é un instrumento infernal"

César Mosquera fronte a Rodrigo Cota, na Casa das Campás
César Mosquera fronte a Rodrigo Cota, na Casa das Campás
O vicepresidente autonómico repasa a súa traxectoria política e comenta cuestións de actualidade como o pacto coa Marea ou a rehabilitación do Pazo de Lourizán en 'Conversas na Uvi'

Como leva alguén que pasou toda a vida loitando pola desaparición das deputacións ser agora o vicepresidente dunha?, preguntou Rodrigo Cota. "A Deputación é unha institución inhóspita para nós. Pero para eliminalas precísase dunha reforma constitucional. Faise o que se pode, Cota", respondeu César Mosquera. "Agora, como instrumento é absolutamente infernal. Como Administración é terrible. Ninguén agarda que fagas nada nin que invistas en nada. Todo se considera un agasallo. Porque na Deputación non lle rendes contas aos cidadáns, só ao teu partido político. É un instrumento caciquil".

"O que fixo o BNG en Pontevedra é radicalmente imposible que o puidera facer ningunha outra forza política"

O político do BNG e actual vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, protagonizou onte a segunda sesión do ciclo Conversas na Uvi, que organizan conxuntamente Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo. Da man de Rodrigo Cota, Mosquera repasou a súa traxectoria vital e política, ademais de comentar cuestións de actualidade como o posible pacto do Goberno local coa Marea ou a rehabilitación do Pazo de Lourizán. Nos dous casos remitiuse ao discurso que no seu partido se vén repetindo nos últimos días. "Os da Marea-Podemos de previsibles teñen o xustiño. Penso que non descubro nada. Hoxe din unha cousa, mañá outra, pasado outra. Agora, nós estamos abertos a chegar a un acordo. Dixémolo o primeiro día. Como se mañá nos vén o PSOE cunha proposta". Sobre o Pazo de Lourizán, Mosquera insistiu en que a Deputación non apoiará unha rehabilitación do inmoble que pase pola cesión a Ence.

"Telmo Martín é un auténtico perigo público, un tipo falso que só funciona por propio interese"

O vicepresidente provincial lembrou a fonda pegada que deixou nel a súa infancia en Valga e o contacto coa natureza. "Eu fun un neno que levaba zocas, un neno observador que o fichaba todo". Lembrou tamén a súa chegada a Pontevedra con dez anos e como lle impactara "a cuestión sociolóxica". Segundo dixo, atopou unha profunda división entre os nenos de certas familias de Pontevedra e os do rural.

Mosquera falou das súas primeiras experiencias políticas e do seu encontro con Miguel Anxo Fernández Lores. "O que fixo o BNG en Pontevedra é radicalmente imposible que o puidera facer ningunha outra forza política. Non se trataba de facer a cidade bonita e agradable, tratábase de facer un uso igualitario do espazo urbano. Ningún liberal nin ningún socialdemócrata faría algo así".

Tamén falou Mosquera do éxito dun modelo urbano baseado no traballo que se fixera xa dende a oposición. "Nunca criticamos por criticar. Faciamos unha oposición durísima, pero sen ‘tocar as narices’. O modelo non naceu cando nos puxemos a gobernar". E referiuse tamén aos adversarios políticos. En concreto, duramente, a Telmo Martín. "É un auténtico perigo público, un tipo falso que só funciona por propio interese que chegou aquí con aqueles fastos imposibles e aquelas estupideces. Coñecino bastante, aínda que ogallá non o tivera coñecido".

"A Deputación é un instrumento infernal"
Comentarios